Ribadeo, 11 de xullo de 2016. O Concello fai unha valoración moi positiva da III edición do Ribadeo Indiano celebrado esta fin de semana. O alcalde, Fernando Suárez, agradece o traballo feito por todo o persoal do Concello, por Acisa, a Corporación Municipal e todas as persoas que a título individual se implicaron na organización da festa.
Fernando Suárez Barcia destacou que “moitas veces fanse cousas e organízanse cousas que levan moito traballo e moitos recursos, pero que logo non dan o resultado axeitado. E hai outras cousas que non levan tantos recursos económicos aínda que si moitísimo traballo, moita planificación tanto do persoal do Concello, dos concelleiros do goberno e da Corporación, de Acisa, e persoas que a nivel individual se implicaron ao igual que o ano anterior”.
O rexedor ribadense dixo que “entre todos puidemos poñer a andar un evento que eu creo que non ten precedentes pola repercusión positiva, polo dinamismo que xera, polo motor económico que supón e que converte a Ribadeo neste fin de semana nunha auténtica explosión de pasalo ben, de vir aquí”.
Suárez Barcia sinalou que “moita xente neste fin de semana que nos paraba nos dicía que viña de Oviedo, de Coruña, de Burela ou Castropol, que querían vir aquí e todos caracterizados. Destacar que das miles e miles de persoas que vin, non vin nin unha soa estridencia, o ambiente foi perfecto”.
O alcalde ribadense engadiu: “como digo moitas veces tíñamos ingredientes, tíñamos unha arquitectura indiana enorme, en cada familia raro é que por desgraza alguén non tivera que emigrar a América no seu momento. Pero a todo isto fomos dándolle a volta e convertémolo tamén en algo positivo. Todo aquilo que trouxeron os que foron facer as Américas en maior ou menor medida, nunca quixeron esquecerse da súa terra e na medida que puideron tamén foron altruístas coa xente que quedou aquí. Agora este recoñecemento a nivel festeiro e popular é masivo, é seguido por todo o mundo e eu creo que non hai ninguén en Ribadeo que non vexa como algo absolutamente positivo este Ribadeo Indiano. Cos ingredientes que había entre todos fixemos unha receita marabillosa que esperamos seguir defendendo e facendo para a nova edición do ano que ven”.