Cervo, 20 de xullo de 2016. O Concello de Cervo ven de asinar un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para cambiar a rede de abastecemento de auga potable na zona de Riocobo. O investimento previsto é de 200.000 euros, que se distribuirán entre este ano e o próximo.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, subliña que é “un convenio no que colabora a Consellería co Concello de Cervo á hora de axudarnos a facer un investimento importante nesas infraestruturas que son fundamentais para a vida de todos nós, que son desas obras que moitas veces non se ven porque están soterradas. Trátase do investimento de 200.000 euros para cambiar o abastecemento na urbanización de Riocobo”.
O rexedor cervense explica que “é unha zona onde estamos a ter bastantes problemas xa desde hai tempo, porque é unha rede antiga que aínda está en fibrocemento. A verdade é que a súa execución nos dificulta moitísimo cando hai calquera fuga atopala por cómo se fixo esa urbanización”.
Villares salienta que “o custe é importante porque a obra que hai que facer tamén o é e ademais é fundamental para que estes veciños non volvan ter os problemas que periodicamente están a ter porque hai distintas rupturas nesta antiga rede de fibrocemento”.
O alcalde de Cervo insiste en que é “unha inversión de 200.000 euros para unha obra de abastecemento de auga, para unha renovación dunhas canalizacións. Nós o que temos que facer como Concello de Cervo é agradecerlle á Consellería e a súa conselleira que mirara dese xeito para o concello de Cervo e para levar adiante esta obra tan fundamental para nós”.