Mondoñedo gozaba o sábado 9 de xullo de distintas actividades para fomentar o deporte na nosa localidade. A Asociación Salto do Coro e a Delegación de Deportes do Concello de Mondoñedo organizaron distintas actividades deportivas durante todo o día.
Por unha banda aproveitáronse as instalacións da piscina con distintas actividades nunha xornada de portas abertas. E, na parte de fóra, a Delegación de Deportes contou con inchables para goce de todos os nenos e nenas que así o quixesen.
Contamos coa presenza de Ricardo Hevia e Eduardo Pascual (ex-director deportivo do Estudantes) pola tarde, os cales adestraron ás nenas de baloncesto e aos mozos de fútbol-sala, gozando despois dun partido de baloncesto entre eles. Ricardo Hevia comprometeuse coa Asociación para colaborar o próximo ano no fomento do baloncesto en Mondoñedo.
Ás dez da noite tivemos a festa de despedida das escolas apadriñada deportivamente por Paco Villanueva (ex-presidente da Federación Galega de Triatón), Omar González (adestrador de triatletas de primeiro nivel) e Jose Antonio Blanco (presidente do Club Tripenta de Lugo). Na devandita cea, a Asociación tamén estivo acompañada pola Alcaldesa e por case toda a corporación municipal.
A este evento acudiron 150 persoas. Ao acabar a cea a Asociación premiou por unha banda a todos os nenos cunha orla dos equipos nos que participa, e aos deportistas máis destacados en cada categoría e en cada deporte. De igual forma, a Asociación quixo recoñecer aos patrocinadores a súa colaboración, e a axuda prestada estes anos por parte de Paco Villanueva no fomento do dúatlon en Mondoñedo, a colaboración do Casino de Mondoñedo pola cesión de instalacións para a práctica do Tenis de Mesa. Destacouse o traballo de Hermelino García polo traballo realizado durante este ano e o seu traballo no fomento do deporte na nosa localidade.
A asociación aposta por unha continuidade no traballo, e apunta por dúas actividades especiais para o próximo curso que son dúas viaxes deportivas cos alumnos das escolas. Por unha banda o proxecto de viaxar a Madrid durante catro días para ver eventos deportivos, adestramentos, xogar partidos amigables… Por outra banda unha viaxe máis curta á Coruña cos mesmos obxectivos deportivos e lúdicos.
Axiña a Asociación dará a coñecer a oferta deportiva e de adestradores para o próximo curso deportivo.