O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca; a Tenente Alcalde de Viveiro, Isabel Rodríguez López; o Director Xeral da Volta 2016, Javier Guillén, e o Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto, presentaron este mércores as dúas etapas de dita proba ciclista que discorren pola provincia lucense. Trátanse das etapas 5, que terá lugar o mércores 24 de agosto dende Viveiro e ata a cidade de Lugo; e a 6, que será o xoves 25 de agosto dende Monforte de Lemos e ata Luintra.
No acto tamén participaron o ciclista profesional Roberto Laiseka, gañador de varias etapas da Volta e do Tour, así como representantes de asociacións e clubs de ciclismo da provincia, que realizaron xunto a Campos Conde e Lara Méndez, ademais dos responsables dos departamentos de Deportes en Deputación e Concello de Lugo, Pablo Rivera Capón e Miguel Fernández Méndez, respectivamente, un pequeno e simbólico recorrido en bicicleta dende a Praza Maior e ata San Marcos.
O titular provincial destacou que “xuntos pedaleamos pola provincia”, pois Deputación, Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Viveiro contribúen ao paso da Volta 2016 pola provincia con preto de 250.000 euros, coa previsión dun grande retorno económico para o conxunto da provincia. Hai que ter en conta que, segundo datos oficias, uns 1.400 xornalistas de todo o mundo cobren esta proba ciclista, que se retransmite nuns 190 países de cinco continentes, acadando un promedio por etapa de 20.000 espectadores. Só nos lugares de chegada, como nesta ocasión é o caso do Concello de Lugo, é capaz de concentrar a unhas 4.000 persoas e deixar beneficios de ta 1 millón de euros.
21 Concellos
“Co noso apoio ao paso da Volta por Lugo non só estamos a apoiar ao ciclismo, un deporte merecedor dun grande recoñecemento tan só polo esforzo e paixón que demostran ter os seus profesionais e aficcionados. A Volta vai moito máis alá da súa indubidable repercusión deportiva, reunindo a elite internacional do ciclismo. Os datos oficiais falan por si mesmos: o paso da Volta pola provincia de Lugo é unha oportunidade económica, que non podíamos deixar escapar. Por iso, Deputación e Concellos de Lugo, Viveiro e Monforte de Lemos, que son enclaves de referencia da Volta 2016, non dubidamos en sumar esforzos cos organizadores desta proba ciclista. Xuntos promocionamos, moito máis aló das nosas fronteiras, os recursos naturais, patrimoniais, históricos, artísticos ou gastronómicos, dun total de 21 Concellos polos que atravesa a Volta: 9 da Mariña; 6 da zona Centro e outros 6 do Sur”, remarcou o Presidente da Deputación.
Pulo ao conxunto do tecido produtivo da provincia
“Xuntos poñemos en valor a beleza natural da nosa Costa; das nosas praias; da Ribeira Sacra; ou das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e de Eo-Oscos-Terras de Burón, recoñecidas pola UNESCO. Os milleiros de persoas que acudirán a nosa provincia coa Volta poderán desfrutar dos nosos produtos do mar, do río e da terra, únicos pola súa calidade, como o bonito de Burela, a merluza de Viveiro, os percebes de Rinlo, as troitas da Pontenova, a carne das nosas gandeirías ou o viño coa nosa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra”.
Campos Conde engadiu que “tamén poderán descubrir enclaves únicos como, por exemplo, o Souto da Retorta, en Viveiro; o Cabo de Morás, en Xove; o Paseo dos Namorados, o Museo do Mar ou a Fábrica de Sargadelos, en Cervo; o Paseo da Marosa, as Redeiras, o Mirador do Castelo ou a Lonxa, en Burela; a Gruta do Morto, a Frouxeira ou a Ruta do Río Ouro, en Foz; as Fragas do Hermo, en Barreiros; a Illa Pancha, as cetáreas de Rinlo ou a xoia das Catedrais, en Ribadeo; a ría de Abres ou o Marco de Pena Verde, en Trabada; Os Fornos ou a Vía Verde do Eo, na Pontenova; os ferreiros de Ferreiravella, en Riotorto; Fonmiña, na Pastoriza; O Pedregal de Irima, en Meira; a emblemática carballeira da festa do Emigrante, en Pol; a lagoa de Caque ou os Castro de Viladonga, en Castro de Rei; a Muralla ou os paseos dos ríos Rato e Miño, en Lugo; o paseo do Cabe, o Pazo de Tor ou os Miradores do Sil, en Monforte de Lemos; a Pena dos Catro Cabaleiros ou a Ponte Romana de Barxa de Lor, na Pobra do Brollón; o Camiño de Inverno ou Montefurado, en Quiroga; o embalse de Santo Estevo, en Ribas de Sil; o Burato do Mouro, en Bóveda; os Canóns do Sil, as viñas de Amandi ou os Miradores de Chouzá, en Sober…”
“En definitiva, un sen fin de recursos, que fan de Lugo unha provincia única, con moito que descubrir. A promoción de todos eles contribúe ao impulso do conxunto do tecido produtivo da nosa provincia. Polo tanto, estou convencido que, co noso apoio conxunto ao paso da Volta por Lugo, estamos a pedalear polo futuro da nosa provincia”, apuntou.
370 millóns de espectadores
Pola súa parte, a Alcaldesa de Lugo explicou que “son 370 millóns de persoas potenciais que poden ver o noso patrimonio, que poden gozar e observar a riqueza que posuímos na nosa provincia, xa que son máis de 190 países os que retransmitirán a chegada a Lugo en directo, o que supón un auténtico luxo para a nosa cidade. Ademais, dende a organización cifran en, como mínimo, un millón de euros o retorno económico para Lugo”.
Isabel Rodríguez López quixo agradecer aos organizadores de ‘La Vuelta’ e á Deputación de Lugo “que volveran a apostar por Viveiro para acoller por segunda vez unha etapa da volta ciclista, pois somos conscientes da importancia que ten este evento para o noso Concello, sobre todo de cara a promover o turismo e incentivar a economía da zona”.
José Tomé Roca uniuse aos agradecementos e sinalou que “Monforte vai a ter o pracer de acoller a saída da sexta etapa o día 25 de agosto, e farao nun lugar emblemático como é a explanada da Compañía, diante do ‘Escorial galego’. Para nós é unha oportunidade de proxectar o noso Concello, pero sobre todo a comarca da Ribeira Sacra, dinamizando a súa cultura e o seu paisaxe”.
3.000 persoas pernoitando en Lugo
Finalmente, o Director Xeral da Volta 2016, Javier Guillén sinalou que “hoxe empeza a Volta a España coa concentración dos 22 equipos que participan. Entre corredores e membros dos equipos serán máis de 500 persoas que, sumadas ás máis de 2.500 que leva a organización, farán un total de 3.000 persoas que durante dúas noites pernoitarán na provincia de Lugo. Entre eses corredores virán os mellores do mundo, como o vixente campión do Tour de Francia, Chris Froome; Nairo Quintana; Alberto Contador ou Alejandro Valverde, entre outros”.
Etapas 5 e 6 pola provincia
A etapa 5 da Volta 2016 terá lugar o 24 de agosto. Saíra de Viveiro e transcorrerá por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, Castro de Rei e Lugo. A eta 6 será o 25 de agosto. Partirá dende Monforte de Lemos e discorrerá pola Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Bóveda e Sober.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



