Cervo, 2 de agosto de 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asinou na delegación territorial da Xunta en Lugo un convenio coa conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, para a construción dunha nova estrada desde Galdín ata o centro de saúde de San Cibrao.
O rexedor municipal explicou que “é un convenio por un total de 660.000 euros para facer unha obra que nós consideramos moi importante e fundamental, sobre todo para o núcleo de San Ciprián, porque se trata de construír un viario que vai desde a zona de Galdín ata onde está o centro de saúde de San Ciprián. Será unha rúa duns 12 metros de ancho con beirarrúas, aparcamentos e 6 metros de calzada. Tanto na zona de Galdín como na do centro de saúde, que son estradas da Deputación, vanse construír rotondas”.
Alfonso Villares destacou que a nova rúa “vai facilitar todo tipo de tráfico e fundamentalmente o pesado. Vai dar unha saída, aínda que non é a definitiva nin moito menos, ao polígono industrial de Cuíña, porque vai permitir que o tráfico pesado se poida desviar por aí. Así con esta obra evitamos o risco e o perigo que supón que ese tráfico pesado pase polo núcleo de San Cibrao. Por iso que este novo viario vai desatascar moitísimo o tráfico en San Cibrao”.
O alcalde engadiu que “vai ir financiada en tres anualidades: a deste ano é de 18.000 euros; para o ano 2017, 300.000 euros; e para o 2018, 342.000 euros. Estes 660.000 euros vai ir distribuídos deste xeito para un viario que é fundamental para o tráfico rodado no pobo de San Cibrao”.