A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asinaron este luns o convenio de colaboración que permitirá mellorar distintas prazas da localidade. A Xunta investirá uns 180.000 euros nestes traballos.
Segundo o documento técnico presentado polo concello, as obras centraranse nas prazas da Catedral, dos Muiños de Arriba, Cruce de San Lázaro, de San Juan e de Noriega Varela.
As actuacións consistirán, basicamente, na execución dunha nova pavimentación a base de enlousado de pedra nas prazas descritas, ao tempo que tamén se renovará o mobiliario urbano.
Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.
Con este novo acordo, continúa a cooperación entre o concello de Mondoñedo e a Consellería de Medio Ambiente, que o mes pasado tamén firmaban un acordo en materia de augas para a renovación do abastecemento na Avenida Bos Aires, por valor de 150.000 euros.