Lugo, 21 de outubro de 2016.- A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro e o xerente do Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA), Ramón Ares, informaron este xoves en rolda de prensa da posta en marcha da campaña de vacinación contra a gripe que comeza o vindeiro luns 24 de outubro e se prolongará ata o 23 de decembro.
Nesta ocasión habilitaranse 162 puntos de vacinación en toda a provincia, entre eles os Centros de Atención Primaria e Especializada do Servizo Galego de Saúde; os centros médicos e consultas privadas e as residencias da Terceira Idade, públicas ou privadas. Tamén estará dispoñible a vacina nas Unidades Asistenciais de Drogodependencias, nos centros penitenciarios, nos centros de menores e discapacitados ou nos fogares da 3ª idade, entre outros.
A campaña 2016/17 prolongarase durante 9 semanas, nas que a vacina se ofertará de xeito continuado en tódolos puntos de vacinación, facilitando así a súa organización e o seu óptimo desenvolvemento, favorecendo que poida levarse a cabo de xeito progresivo entre a poboación.
A Consellería de Sanidade inviste preto de 1,9 millóns de euros na adquisición de 530.000 doses para a realización desta campaña en Galicia, que ten como obxectivo principal, un ano máis, concienciar dentro dos grupos de risco da importancia de vacinarse, para minimizar o impacto da gripe na saúde, tentando diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do seu padecemento.
Por segundo ano consecutivo a campaña de vacinación antigripal vai contar co apoio da web específica http//gripe.sergas.gal, na que se pode atopar a información técnica e de xestión da campaña, así como a evolución da gripe en Galicia.
Grupos de risco
Como en edicións anteriores a campaña de vacinación diríxese aos maiores de 60 anos, e especialmente aos de máis de 65, e a aquelas persoas que teñen risco de sufrir unha gripe complicada. Neste grupo de risco inclúense os residentes en institución pechadas, as mulleres embarazadas e as persoas que padecen certas enfermidades (enfermidades crónicas cardiovasculares, respiratorias, renais ou hepáticas; enfermidades neurolóxicas e neuromusculares; enfermidades metábolicas, hemoglobinopatías, anemia, asplenia ou disfunción esplénica; persoas con inmunodepresión ou cancro; persoas con enfermidades ou trastornos con disfunción cognitiva ou inmunodeficiencias; persoas con obesidade mórbida ou pacientes portadores de implantes cocleares ou en espera).
Inclúense tamén na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os que conviven con eles ou os asisten a domicilio, ou os que traballan ou están en prácticas en centros sanitarios ou institucións pechadas.
Téñena indicada tamén as persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.
Resumo campaña 2015
Como xa vén sendo habitual, a provincia de Lugo, despois da de Ourense, foi a que acadou unha maior taxa de vacinación, con cerca de 81.000 doses consumidas o ano pasado.
O 57,87% dos maiores de 65 anos recibiron a vacina, o que confirma a tendencia positiva, xa que esta porcentaxe se incrementou en más de dous puntos con respecto ás cifras do ano 2014, cando se vacinou o 55,5% da poboación deste grupo de idade.
As coberturas foron máis elevadas nos maiores de 75 anos. Neste grupo de idade, acadouse o obxectivo marcado xa que a cobertura superou o 65%.
Pola súa banda o número absoluto de vacinados en menores de 60 anos incrementouse lixeiramente con respecto á tempada anterior, pasando de 10.876 a 11.877 vacinados.