A Mariña, 14 de outubro de 2016. A Mancomunidade de Municipios de A Mariña convoca unha xuntanza, que terá lugar o vindeiro 20 de outubro no IES de Foz ás 17:00 horas, con responsables de restaurantes da comarca para a posta en marcha dun curso de formación convenio para a mellora de diversos servizos na hostalaría e restauración.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, anunciou que “o proxecto que temos e no que xa levamos un tempo traballando para poñelo en marcha, a ver se sae este mes unha clara definición de cómo vai ser, é o que denominamos o curso/convenio de Formación e mellora na restauración”.
Llano lembrou que “hai tres partes implicadas, está a Consellería de Educación a través do IES de Foz, a Mancomunidade e a Federación de Comercio A Mariña”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “imos facer o próximo día 20 ás cinco da tarde no IES de Foz unha xuntanza con todos os restaurantes que queiran participar neste proxecto. Será unha presentación do proxecto e falaremos tamén do deseño dunha carta e ver nos idiomas en que vai ir, en principio están considerados o galego, o castelán, o inglés e o francés para poñer nas devanditas cartas”.
Alfredo Llano asegurou que “se vai tratar de facer unha invitación a todos os restaurantes e persoas que consideramos que deben formar parte deste proxecto para que veñan o día 20 ata o IES de Foz e conformar entre todos o que debemos facer, cómo, marcar os tempos e os lugares para facer polo menos un inicio desta actividade e rematala antes de que finalice o ano. Nosoutros consideramos que vai ser no mes de novembro”.