Ribadeo, 5 de outubro de 2016. A Mostra de Teatro Afeccionado e o Festival de Jazz xunto a actividades arredor do Samaín son algunhas das principais citas da programación da Concellaría de Cultura para o último trimestre do ano. As actividades foron presentadas este mediodía no salón de plenos por parte do responsable de Cultura, Farruco Graña, e da técnica este departamento, Neves Paz.
Farruco Graña comentou que “o outono é tempo de teatro despois dun verán de aire libre, de pasear e visitar moitas exposicións tanto na sala OMIC como no Forte de San Damián, agora toca recollernos un pouco que xa virán os rigores do outono e qué mellor maneira de facelo que escoitando e vendo teatro”.
O edil de Cultura lembrou que “nese senso xa tivemos ocasión esta fin de semana pasada, o domingo, de asistir á representación do Furancho a cargo das actrices Isabel Risco e Mariam Bañobre. De novo esta fin de semana que se achega poderemos volver contemplar o bo saber facer de Isabel Risco e Fran Rei como actor e actriz de teatro representando Retrincos de Castelao, é unha obra que traemos ata Ribadeo coa colaboración da Deputación de Lugo da súa Área de Cultura, conmemorando a figura de Castelao e facendo un pequeno percorrido pola súa obra artística en xeral. Esta representación será o 8 de outubro no Teatro ás 20:30 horas e ademais a entrada será de balde”.
Farruco Graña contou que “tamén a nivel de teatro volveremos recuperar a Mostra de Teatro Afeccionado con distintas representacións e este ano ademais cunha pequena novidade, que tamén haberá unha representación nesta Mostra dunha obra pensada para os máis cativos, para os pícaros e as pícaras. Tamén temos que salientar que co outono veñen as castañas no tempo do San Martiño, no tempo do Samaín. Nesta ocasión imos ter a oportunidade de celebrar o Samaín de forma un pouco máis intensa porque ademais da celebración habitual que facíamos a través das escolas, nesta ocasión e contando coa colaboración da comisión do Carnaval vanse celebrar distintos actos arredor do Samaín. Haberá obradoiros para facer maquillaxe de rostros terroríficos, tamén poderemos asistir a algunha sesión de cine de terror e algunha sorpresa máis”.
O edil nacionalista subliñou que “imos celebrar tamén o Festival de Jazz, nesta edición o festival de jazz tradicional, que xa levamos realizando en Ribadeo durante varios anos, vai ter un novo formato. No canto de ser un festival concentrado durante catro ou cinco días no verán, van ser unha serie de sesións proxectadas nesa fin de semana previa á ponte da Constitución e da Inmaculada e a fin de semana posterior. Haberá distintas actuacións de jazz, unhas serán de balde, dando a coñecer nova xente que está petando forte no mundo do jazz e do blues, e tamén con actuacións de artistas consagrados no xénero”.
Finalmente o concelleiro de Cultura declarou que “ademais como outro aspecto moi importante a destacar na programación de outono será a proxección da curtametraxe Vida e do documental Máis que vida. Este é un proxecto cinematográfico levado a cabo por Rubén Riós. Poderemos asistir a esta sesión no Teatro de Ribadeo, e teremos a oportunidade ademais de que as persoas protagonistas tanto da curtametraxe como do documental estean con nós comentándonos as súas experiencias. Queremos facer un chamamento especial a todas aquelas entidades tanto do lado da Mariña de Lugo como da comarca naviega que traballan con persoas con distinto tipo de diversidade funcional que se acheguen posto que eles van ser os protagonistas, de feito o protagonista principal da curtametraxe é unha persoa con diversidade funcional”.
Farruco Graña salientou que “é un outono cargado de actividade, con sorpresas e actividade tradicional a que entre todos temos que darlle vida da mellor maneira posible que é participando no maior número posible de actividades”.
Pola súa banda a técnica de Cultura, Neves Paz, referiuse ás actividades das que gozarán os máis pequenos da casa: “seguimos tendo teatro habitual nesa liña de ofrecer espectáculos para maiores de catro anos, e neste ámbito vólvenos visitar unha compañía que ten moito éxito en Ribadeo que é Caramuxo co espectáculo Feo. Como novidade dentro da programación da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, Metástase Teatro vai traer unha obra para público infantil”.
Neves Paz salientou que “imos tamén cunha liña de programación que está tendo moita aceptación entre o público infantil e familiar que é a do teatro musical. Tivo moito éxito Os tres porquiños no Nadal pasado, entón recuncamos nesa liña e en decembro Animundis vai traer un espectáculo que se chama igual que a compañía. Xa en xaneiro antes de que os nenos e as nenas comecen as clases Educa Teatro traerá un clásico A carapuchiña vermella, é unha triloxía que se completará máis adiante con Pinocho e que tentaremos traer”.
A técnica de Cultura subliñou que “outra cousa novidosa na nosa oferta para os nenos e as nenas é que aproveitando que vai haber unha exposición de Fósiles, Cunchas e Volvoretas dun coleccionista local que é David López, convidamos aos colexios a facer unha visita guiada. A última cousa vinculada aos nenos e ás nenas, pero xa a partir dos 9 anos, é unha proxección dun documental que se chama A última viaxe do afiador, moi premiado en diferentes certames que xa se proxectara con moita aceptación aquí no parque hai uns veráns, pero quedamos con ganas de volver proxectalo noutra época do ano, de feito na nosa sección de Cultura nas Parroquias imos levar esta proxección a Cedofeita e a Vilaselán antes de que remate o ano. Como unha oferta para os centros de ensino vaise proxectar un venres pola mañá, vai vir o director para comentar un pouco todo o que houbo arredor dese documental, van traer cinco rodas de afiar que van estar expostas nas catro rúas durante todo o día e remataremos á noitiña xa cunha proxección para todos os públicos. Parecíanos moi interesante achegar ese mundo aos máis pequenos”.
Neves Paz quixo “nomear con moito agradecemento cara ao labor que desenvolven coas actividades que programan Amigos da Gaita Galega, a Coral Polifónica de Ribadeo, a Agrupación Belenista de Ribadeo, a Escola Municipal de Música e Danza e a asociación Amadores da Música, da súa man veñen citas como o Festival de Panxoliñas ou os Cantos de Nadal”, entre outras actividades ás que aludiron a técnica e o concelleiro de Cultura este mércores.
























A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.
“O concerto queda posposto para outro domingo no que Toxo Guayaba nos poida acompañar. Iremos informando”, explican desde a organización.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.



