Lugo, 8 de novembro de 2016.- A deputada luguesa do PSdeG-PSOE Margarita Pérez Herraiz, e o senador lucense Ricardo Varela, anunciaron que rexistraron unha proposición no Congreso dos Deputados, o pasado 31 de outubro, coa que demandan que se retomen de inmediato as obras nos tramos da Alta Velocidade na provincia de Lugo paralizadas pola decisión do Ministerio de Fomento.
Nunha Proposición Non de Lei rexistrada no Congreso, a deputada socialista Pérez Herraiz demanda ademais retomar de inmediato a redacción dos proxectos pendientes para completar a liña da Alta Velocidade a Lugo, e anular a paralización do proxecto da Estación Intermodal de Lugo,
que estaba sendo redactada en función do Convenio asinado no seu día.
Pérez Herraiz reclama ademais que se adopten as fórmulas legalmente previstas para proceder á contratación conxunta do proxecto e obra dos tramos da liña de Alta Velocidade entre Lugo e Ourense, para acomodar os prazos de terminación da obra ao calendario previsto para a incorporación de Galicia á Rede de Alta Velocidade.
A deputada socialista denuncia que todas as actuacións levadas a cabo polo Goberno do PP nos últimos catro anos en relación coa conexión da liña da Alta Velocidade Ferroviaria con Lugo foron encamiñadas, a paralizar ou suspender as actuacións previstas para alcanzar a conexión coa Alta Velocidade na provincia conxuntamente cos prazos previstos para a Comunidade.
E resumiu “si Lugo esta hoxe fora do mapa ferroviario é grazas ás sucesivas paralizacións dos galegos, Mariano Rajoy e Ana Pastor”.