Cervo, 16 de novembro de 2016. A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, visitou este mércores o xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia en San Cibrao. O Castro da Atalaia, pendente de recuperación, é un dos mais relevantes da Mariña, e está sendo noticia pola sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta de Galiza a indemnizar á empresa promotora que o esbandallou en parte no ano 2007 para executar tres edificacións para 100 vivendas con licenzas de construción concedidas polo concello de Cervo do Partido Popular que foran moi criticadas polo BNG. A deputada afirmou a pé de castro que son mais valiosas so algunhas pezas das atopadas nese xacemento que todas a terra e o formigón que lle quixeron botar enriba, aínda que houbo quen non o quixeran ver así no seu momento.
Olalla Rodil acompañada de representantes do BNG na comarca e na localidade, directivos da asociación Mariña Patrimonio e veciñanza visitaron o castro para compartir información sobre a situación do xacemento, as perspectivas futuras, e as sentenza recente do TS da que se derivan indemnizacións á promotora inmobiliaria que contaba con licenzas de construción para 100 vivendas sobre un asentamento. Segundo consta na propia sentenza, a entidade outorgante – o Concello de Cervo – coñecía un ano antes de conceder a primeira das tres licenzas en 2006, a existencia de deste achado arqueolóxico, O BNG de Cervo amplía tal circunstancia a dous anos antes cando o concello tramita no pleno da corporación a exposición pública do AVANCE do PXOM.
A paralización das obras en 2007, o inventariado do xacemento, e a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio do ano 2010 impedindo a continuación da promoción inmobiliaria pola necesidade de conservar os achados arqueolóxicos in situ provocou unha reclamación xudicial da promotora que leva ao absurdo de que vaia ser indemnizada e non condenada por destruír parte do patrimonio cultural galego; tampouco é condenado o concello que concedeu licenzas sabendo que o facía sobre o seu propio patrimonio cultural.
Coidar, protexer e valorizar o patrimonio cultural deixa como resultado importantes beneficios na comunidade
Olalla Rodil afirmou que “a perda do patrimonio cultural sexa cal for o motivo ten que levar á reflexión de que con el perdemos non so riqueza cultural senón tamén económica. Neste sentido declarou que son mais valiosas so algunhas pezas das atopadas nese xacemento que toda a terra e os formigón que lle quixeron botar enriba, aínda que houbo quen non o quixeran ver así no seu momento”.
Sabemos que traballo de que fan algunhas asociacións na defensa do patrimonio cultural é inmenso, animámolas a continuar
“Este concello e o conxunto da comarca xa perderon parte do seu atractivo e potencial cando alguén non soubo ver a importancia de conservar o patrimonio cultural intacto, aquí queda aínda moito por descubrir e sacar á luz, aledámonos que agora se queira ver así, como xa o leva vendo o BNG desde fai tempo”, afirmou Rodil.
A deputada nacionalista parabenizou e animou a asociacións como Mariña Patrimonio a seguir traballando na protección do noso, no que é de todas e todos, e deberemos deixar para o futuro.
Compre coñecer as consecuencias desta sentenza para as arcas públicas da comunidade e para a protección do patrimonio.
Olalla Rodil anunciou a presentación das seguintes preguntas no Parlamento Galego arredor da recente sentenza do Tribunal Supremo:
1.- Ten calculada a Consellaría de Cultura o importe das indemnizacións que terá que abonar á promotora San Ciprián S.L. despois da sentenza?
2.- Que efectos terá sobre o orzamento de gasto da Dirección Xeral de Patrimonio ter que asumir os pagos destas indemnizacións?
3.- Considera a Consellaría de Cultura a posibilidade, tal como se abre na propia sentenza, que a promotora pode solicitar tamén indemnizacións ao Concello de Cervo?