Santiago, 23 de xaneiro de 2017.- A Xunta celebrou hoxe en Santiago, na sede da Axencia Galega de Innovación (Gain), o III Workshop do polo tecnolóxico e industrial de Rozas, no que se presentaron as ideas seleccionadas que se impulsarán a través das sete primeiras licitacións da segunda fase do proxecto e que, cunha inversión de 14 millóns de euros, se centrarán en mellorar, a través do emprego de vehículos non tripulados, a xestión e control de tres ámbitos socioeconómicos estratéxicos para Galicia: os recursos acuáticos, o territorio e o tráfico aéreo.
Durante o encontro, ao que asistiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado dos conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e do Medio Rural, Ángeles Vázquez, avaliáronse os avances logrados neste proxecto chamado a ser o novo referente industrial de Galicia en materia de innovación. Ante preto de 300 representantes do ámbito empresarial, social e universitario, na presentación tamén participou o director xeral do Instituto Nacional de Técnicas Aeronáuticas (Inta) do Ministerio de Defensa, Ignacio Azqueta.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o compromiso da Xunta co polo tecnolóxico e industrial de Rozas, que conta cun investimento total de 150 millóns de euros, supón unha aposta polo incremento da competitividade con base na innovación, a creación de emprego estable, a atracción de capital privado a Galicia, o desenvolvemento do sector aeronáutico galego e de cadeas industriais na área de influencia, a promoción do traballo que realizan as universidades e centros tecnolóxicos con sede en Galicia, e pola capacidade da comunidade de exportar tecnoloxía punteira.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que a Xunta, a través dun traballo conxunto das diferentes consellerías e baixo o obxectivo común de “prestar mellores servizos aos cidadáns”, definiu as primeiras solucións tecnolóxicas que se porán en marcha no polo de Rozas. Neste sentido, impulsará un sector que será a panca de cambio cara unha economía onde a clave sexa a aposta polo coñecemento.
Tras abrir un período de consulta para coñecer as propostas do mercado e no que se presentaron preto de 150 ideas, das que 104 corresponden a empresas e entidades galegas, Conde explicou que nesta segunda fase de Rozas, denominada Fase de Solucións, sacaranse a concurso os primeiros sete proxectos.
Con estas licitacións, a Xunta empeza a executar o convenio firmado co Ministerio de Industria, Economía y Competitividad para desenvolver a Fase de Solucións, que conta cun investimento global de 24 millóns de euros, dos que 14 millóns se destinarán ao financiamento destas sete primeiras solucións.
En concreto, para mellorar a xestión eficiente dos recursos mariños, licitaranse dúas iniciativas que, mediante o uso de sistemas non tripulados, melloren a seguridade marítima e laboral da pesca de baixura, e faciliten o control de calidade da auga tanto no mar como nos ríos galegos.
A nivel de ordenación do territorio, nestas primeiras licitacións tramitaranse catro propostas que, desde o polo tecnolóxico e industrial de Rozas, buscarán optimizar o control dos recursos forestais a través da realización de mapas; dar un salto cualitativo para automatizar a obtención de cartografía e topografía; mellorar a planificación do territorio a través dos datos sobre ocupación de solo; e aproveitar as vantaxes do Big Data para contar cun sistema de xestión de toda a información que proporcionen os vehículos non tripulados. A maiores, sacarase a concurso un sétimo proxecto que permitirá á Xunta contar coa tecnoloxía máis avanzada á hora do control do tráfico aéreo.
Oportunidades para as pemes e centros tecnolóxicos galegos
Na liña marcada na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e na Axenda de Competividade Galicia-Industria 4.0, esta Fase de Solucións de Rozas facilitará a participación das pemes e dos centros tecnolóxicos e de investigación galegos, pois terán a posibilidade de formar consorcios para presentar ás licitacións. Desta maneira, ábrese unha ventá de oportunidades tanto para as empresas aeronáuticas como para pemes doutros sectores estratéxicos para Galicia, como o naval, a automoción e as TIC.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén explicou que esta Fase de Solucións se desenvolve de maneira paralela ao resto de iniciativas que se están a impulsar no polo tecnolóxico e industrial de Rozas: desde as infraestruturas, coa adecuación do aeródromo por parte do Inta; ata a industria, cos dous centros tecnolóxicos de Indra e Inaer, os dous socios da Xunta neste proxecto que implantarán seis novas empresas relacionadas co sector en Galicia e contarán coa colaboración de 18 empresas, as tres universidades e 10 centros de coñecemento galegos.
“Rozas é unha oportunidade para construír entre todos o novo corazón industrial de Galicia; unha oportunidade para captar novas inversións e o talento máis innovador, coas nosas universidades e centros tecnolóxicos como asociados; e unha oportunidade para seguir creando emprego de calidade”, afirmou o conselleiro.
Asociación para a Innovación
Conde destacou que Rozas situará a Galicia non só como pioneira no sector dos vehículos non tripulados, senón tamén na tramitación dos procesos de contratación dos servizos, tendo en conta as necesidades reais dos cidadáns e o que poden ofrecer desde o propio mercado.
Así, ademais da compra pública innovadora e a precomercial, a Xunta engade nestas licitacións unha terceira ferramenta: a Asociación para a Innovación, o que permite traballar a empresas e administracións de maneira coordinada tanto no deseño e creación dos servizos solicitados como na súa posterior venda no mercado.
O mapa destes sete futuros servizos que se desenvolverán en Rozas publicaranse hoxe na web de Gain e abrirase un período de consulta pública no que poden participar as preto de 150 empresas que presentaron proposta. A continuación, a Xunta concretará as especificacións funcionais dos novos proxectos.






















Este venres, 14 de agosto ás 20.00 horas, terá lugar a presentación do libro "Espiritualidad", unha longa reflexión sobre a dimensión espiritual do ser humano, levada a cabo por 8 autores de diferences orientacións relixiosas, no Local Social do Parque Concepción Arenal (antigo matadoiro) de Ferreira do Valadouro. Estará presente o autor-coordinador da obra Pepe Peinó.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.



