Dicía Nietszche que Estado era o máis frío dos monstros fríos: “É frío incluso cando minte e esta é a mentira que se desliza da súa boca: Eu, o estado, son o pobo.”
E dita afirmación, que puidera ser unha manifestación ácrata, non deixa de ser perfectamente obxectivable. Despois do absolutismo monárquico do Antigo Réxime alguén cavilou que para seguir asoballando ás masas o mellor era darlles algún dereito. Así, baixo unha presunta legalidade formal, poderíase manter o vello sistema plutocrático. Mudar todo para que non cambie nada –ou case-.
Así se aprobou este mércores o Real Decreto 1/2017, das cláusulas de chan das hipotecas, mudar todo para que non cambie nada.
Debe saber, estimado amigo, que en plena borracheira da burbulla inmobiliaria e do crédito barato se concertaron hipotecas a tipo de interese variable que contiñan cláusulas abusivas. Debe saber que cando os índices de referencia caeron a mínimos históricos a cuota do seu préstamo non decreceu. Pero sobre todo debe saber que a normativa en materia de consumo, que determina a nulidade das cláusulas solo e outros produtos financeiros, estaba vixente e era de obrigado cumprimento cando se comercializaron.
¿Onde estaban daquela os organismos públicos de control? ¿Que papel tivo en todo este proceso o Banco de España?
Enfermidade e vacina ou como apagar o lume con gasolina; aqueles que autorizaron a saída a bolsa de Bankia, os que consentiron a venda masiva de participacións preferentes ou toleraron o evidente déficit de información na contratación de hipotecas, queren erixirse en salvadores. Pensan que perdimos a memoria, eles din: eu, o estado, son o pobo.”
Centrándonos xa no Decreto debe saber que se establece un procedemento de reclamación extraxudicial que é un mes máis lento na súa tramitación que o que xa existe, e advirte a aqueles que fagan uso del que si en vía xudicial se lle concede unha cantidade inferior á ofrecida polo banco poderá ser condenado en costas. Todo isto cun laciño de cor azul e vermella.
Noutra orde de cousas sabemos que estes días o custe da luz está na mente de case todos, e razóns non faltan porque case doce millóns de usuarios veranse afectados polas oscilacións das últimas poxas, acadando nestas datas prezos máximos históricos. Din tamén que a fiscalía do Tribunal Supremo abrirá dilixencias para investigar este feito.
O acceso ó traballo, á vivenda, á enerxía, á saúde… Todos estos dereitos recoñecidos na Carta Magna do 78, os cales nin o mercado é capaz de prover, nin a o estado é capaz de protexer. A solución a todo este revoltixo só pode pasar por nós, por reivindicar consciencia e compromiso, sensu contrario novos líderes seguirán a prender lume e apagar con gasolina.