No ano 1859 Rosalía escribía o prólogo da súa primeira novela “La hija del mar” no que afirmaba que aínda non lles era permitido ás mulleres escribir o que senten e o que saben; lonxe quedan aqueles días, fresca e louzá a denuncia da poetisa.
Porque o primeiro sufraxio feminino en España ten unha idade inferior á da avoa deste narrador: 83 anos van dende aquel 19 de novembro de 1933 no que nas segundas eleccións xerais da República as españolas puideron exercer o seu dereito a voto abandeiradas pola sufraxista Clara Campoamor.
Non é este un alegato histórico, pero convén non esquecer que todo avance social trae consigo o seu contrapunto: máis de corenta anos (dende o 36 ate o 77) de supresión deste dereito e a identidade xurídica da muller asemellada a un neno ou un incapaz. Despois da ditadura o recoñecemento feminino nos procesos de transformación sociais é semellante á dos represaliados.
Polo medio de todo o relato hai algún episodio emancipador, como o foi a invención da deseñadora británica de modas Marry Quant, na década dos 60 da minisaia, prenda que segue a ser un icono da liberdade estética e sexual.
E chegamos á nosa avanzada sociedade da era dixital e semella totalmente viva a vella diatriba con respecto ós referentes, unha sociedade desmemoriada é incapaz de establecer unha escala de valores con respecto á muller e no tocante a todo o demais.
A retransmisión da gala de noitevella foi a mecha que prendeu o debate: a presentadora Cristina Pedroche conducía a programa de rigor ataviada cunha indumentaria que pretendía non deixar indiferente a ninguén. E non o fixo.
Por razóns individuais, por motivo de share ou audiencia, pola máis pura vangarda estética… as razón polas que cadaquén viste dun xeito ou outro son totalmente alleas ó abaixo firmante; hai quen di, incluso, que o único lei motiv, no marco da liberdade económica, é o crematístico; a estes habería que preguntarlles si a súa liberdade xustifica o traballo infantil ou a venta de órganos ou persoas.
E entre tanto debate estéril, aínda non ben comezado o día 1 de xaneiro, a violencia machista cobrouse a súa primeira vítima mortal no que vai de ano na localidade de Rivas Vaciamadrid. E entre tanto desconcerto confunde aínda máis que unha sociedade indolente sexa incapaz de facer ningún tipo de autocrítica, de asumir algún tipo de responsabilidade, de fixar un nexo causal entre os seus comportamentos cotiáns e a violencia sistémica.
Se voltamos ó tema do escalafón de valores femininos eu propoño un referente autóctono: Susana Rodríguez Gacio, primeira muller galega con menos dun 7% de visión en licenciarse en medicina, tamén diplomada en fisioterapia, engade ó seu curriculum a súa carreira deportiva na que gañou o campionato de Europa de paratriatlón e foi medalla de bronce no Mundial.
Porque, no fondo, pode que se trate diso: non de xulgar a a ninguén, senón de fixar referentes. De non esquecer a Clara Campoamor ou Federica Montseny; porque xa o dicía a canción de Sabina, quen puidera rir como choraba