Cervo, 26 de xaneiro de 2017.- O Concello de Cervo celebra hoxe o Día Mundial da Educación Ambiental programando unha serie de actividades didácticas nos dous colexios do municipio.
Deste xeito, máis de 200 pequenos de infantil e primaria participaron nos “Xogos Ecolóxicos” a través dos cales se pretende que os nenos tomen vontade por conservar e respectar o medio, e adquiran coñecementos e hábitos de vida sostibles co entorno.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado polas concelleiras delegadas de Medio Ambiente e Educación, Manuela Méndez, e Dolores García, puido comprobar en primeira persoa como, a través dos diferentes xogos, os alumnos gozaron dunha xornada lúdica, ao tempo que tomaron conciencia sobre a importancia de conservar o medio ambiente. Deste xeito, Villares destacou a especial atención que o Goberno Municipal lle presta a este día “xa que somos conscientes de o medio ambiente é un dos nosos bens máis prezados, pero tamén dos máis vulnerables, e estamos convencidos de que a educación en conciencia ambiental é fundamental dende os primeiros anos de vida, co obxectivo de formar nenos que sexan no futuro adultos comprometidos, responsables e sensibilizados co medio”.
Os monitores adaptaron xogos populares como o Brilé, o Pilla Pilla, o Pano ou a carreira de relevos, para desenvolver as actividades didácticas nos dous centros, afondando na problemática da contaminación, os incendios, na importancia da reciclaxe ou a contaminación da auga, entre outros.
A implicación do Concello cos centros educativos en materia de reciclaxe e coidado do entorno é unha constante durante todo o ano. Neste senso, Villares destaca a importancia do coñecemento ecolóxico “para adquirir actitudes e valores, e tomar compromiso co medio, co fin de facer un uso racional dos recursos para poder así acadar un desenvolvemento sostible”.
A través da concellería de Medio Ambiente, o Goberno Municipal está a realizar unha política activa nesta materia en tódolos eidos.
Deste xeito, estase a traballar, por exemplo, na reforestación de tódolos montes de propiedade municipal con árbores autóctonas, con especial atención ás especies produtivas, como os castiñeiros, sabedores de que “no aproveitamento sustentable dos montes os nosos veciños e veciñas tamén poden atopar, en certo modo, un medio de vida” , sinala o alcalde.
Nesta liña tamén se está a desenvolver, con gran éxito, un programa de compostaxe co obxectivo de reducir a xeración de lixo; entre outras iniciativas.