Cando menos sorpresa foi o que me causou un comunicado do Partido Popular de Lugo sobre a praga da couza da pataca. Veñen a dicir que isto non se pode analizar politicamente e que temos que tirar todas e todos a unha porque, do contrario, cito literalmente “calquera acción noutra dirección estará contribuíndo á extensión da praga e xerando situacións de confusión indesexables”. Eu, que son moito de emoticonos no whatsapp, utilizaría agora esa cariña amarela que abre uns ollos coma pratos.
Primeiro, porque entendo que o PP está acostumado a dicirlle a todo o mundo de que podemos falar ou non. Pero comprenderán, señoras e señores, que as decisións políticas son branco de crítica ou opinión política. Agardo que non me apliquen a lei mordaza por estas liñas.
Segundo, porque as charlas que comezaron esta mesma semana están participadas por políticos (ben, estaban). Porque entendo eu, desde a miña ignorancia, que o señor delegado da Xunta, Jose Manuel Balseiro, toma parte nas charlas como político e non como técnico. Do contrario, amósome gratamente sorprendida de atopar a quen con tanta facilidade fala de claúsulas chan, como de vivendas de alugueiro turístico, coma de pesca, coma de patacas. Todo un talento desaproveitado como delegado da Xunta, desde logo.
O problema vén se interpretamos o comunicado do Partido Popular: quen faga (ou pretenda facer) política con isto, estará contribuíndo á extensión da praga; logo o señor Balseiro está facendo que a praga se extenda? E niso igual ata coincidimos: efectivamente a irresponsabilidade da Xunta (e, por ende, do seu representante) a súa tardanza e a súa indefinición á hora de formular as medidas contribuíron notablemente a que esteamos na situación na que estamos.
Quizais é por iso polo que o superdelegado se botou a un lado e agora desapareceu nas charlas ou quizais foi porque na primeira delas non lle gustou o que viu e oiu e preferiu dar un paso atrás e mandar a técnicos e técnicas a dar unhas explicacións que non lles corresponden. Porque si, efectivamente, as solucións teñen que ser técnicas, xa o eran hai dous anos; pero as decisións son políticas e esas, certo é, contribúen a extender a praga.
E, a risco de que eu poida contribuír tamén, vou arriscar a dicir o que penso: a Xunta (e, polo tanto o PP que a xestiona) está sendo unha irresponsable. Non só non actuou a tempo (e non o fixo polos seus intereses partidarios, porque prohibir plantar patacas en plenos periodos electorais non lles había axudar moito), senón que cando actuou fíxoo a bandazos, improvisando e botando balóns fóra: a almacenistas, produtoras e produtores ou concellos. Tanto dá! O caso é non asumir responsabilidade e as culpas para os demais. Agora a culpa tócalle a técnicos e técnicas e ao Ministerio, que ha ser quen prohiba. Que veñen sendo eles mesmos, pero os de Madrid están máis lonxe e doélles menos o tema, porque cando a pataca chegue a MercaMadrid tanto dá de onde sexa, que a couza non ha levala.
E temos que ter fe, crer na palabra do señor Balseiro e do Partido Popular e acreditar en que vai haber indemnizacións, aínda que, claro, levan os seus prazos. Por iso hai xente que tivo que desbotar a colleita de patacas o ano pasado e aínda non cobrou os 0,30€ que establece o Ministerio por quilo.
Por iso, ou porque os prazos do PP (xa sabemos na Mariña como son coas autovías ou a ampriación do Hospital) levan outro ritmo.
Non sei se seremos quen de acabar coa praga da pataca ou se eu mesma contribuirei a que se extenda. Do que si que estou segura é de que xa nos fomos afacendo a convivir con outra praga ben difícil de atallar: a da política dos enganos, as medias verdades, as medias mentiras e as ameazas veladas do Partido Popular. Esa si que é unha boa praga!
Ana Ermida
Responsábel do BNG na Mariña