A Mariña 2-3-17. A Asociación de persoas con discapacidade A Mariña COGAMI organiza para o luns, 6 de marzo, ás 11 horas, no centro de recursos que ten situado en Palmeiro, Xove, unha charla informativa sobre a importancia de manter unha hixiene bucodental axeitada.
Esta charla, aínda que está orientada a persoas con discapacidade usuarias da entidade, tamén se abre a persoas asociadas e resto da veciñanza que estea interesada en asistir.
Organizada por A Mariña COGAMI, colabora a clínica Vitaldent de Ribadeo, sendo o odontólogo Diego Ramilo Castro, quen se encargue de informar e sensibilizar da necesidade de ter unha boca coidada e da importancia de manter uns hábitos de hixiene diarios.
Esta charla é unha das actividades que forman parte do taller de actividades da vida diaria que se realiza no centro que ten a entidade, co fin de que as persoas usuarias do mesmo acaden a maior autonomía posible, e ao mesmo tempo, aprendan a levar unha vida sa.