- Celeiro acollerá este venres, 4 de setembro, ás 22:30 horas, o concerto gratuíto de Mártires del Rock & Roll, dentro da programación da Conservera
A banda presentará o seu espectáculo nunha cita aberta ao público, que promete unha noite de rock e diversión para todos os asistentes.
- O vindeiro 26 de setembro celebrarase a Presentación das San Lucas 2026, unha xornada festiva que combinará gastronomía, música e tradición
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
- A IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e a Feira de Artesanía de Ribeiras de Lea celebraranse o 12 de setembro en Castro de Rei, con apoio da Xunta
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
- Inauguración da exposición 'Óleos – Obra recente 2020‑2026, con pinturas de Fernando Laxe Bouzamayor', no Complexo Cultural Regalxunqueira de Viveiro
O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
- Belén Alonso Fernández recibiu o I Premio de Narrativa Manuel García-Galano polo relato Antias das cinzas, nun acto celebrado na Casa da Cultura de Tapia dentro da Feira Campomar 2026
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
- O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou este martes aos integrantes do Club Natación PortaMiñá Lugo, que están a celebrar unha semana de convivencia en Cervo como paso previo ao inicio da tempada 2026/2027
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
- O Curso de Verán de Pádel de Xove chegou ao seu fin tras desenvolverse durante os meses de xullo e agosto na pista municipal
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.