Lugo, 24 de abril de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, explicou este luns que o Goberno da Deputación constituirá un Consello Provincial de Turismo, que dea voz aos axentes implicados nos 4 xeodestinos que estableceu a Xunta na provincia coa aprobación da Lei 7/2011 de Turismo de Galicia, co obxectivo de promocionar Lugo no seu conxunto.
Nunha reunión co Delegado Territorial da Xunta e Alcaldes da provincia, Campos Conde destacou que dende o Goberno da Deputación “apostamos e traballamos para converter á provincia de Lugo nun destino turístico de referencia no país. Cremos que isto pasa pola suma de esforzos. É dicir, por acadar a necesaria implicación dos axentes públicos e privados do sector, e polo traballo conxunto de todas as administracións. Pois, máis alá de que as competencias de turismo sexan da Xunta, cremos que este é un grande reto e toda unha oportunidade económica para a provincia, que require desta coordinación e cooperación”.
O titular provincial lembrou que no ano 2011 a Xunta aprobou a Lei de Turismo, recoñecendo a Galicia como destino turístico e establecendo 14 xeodestinos na Comunidade, 4 dos mesmos na provincia luguesa, que son A Mariña, Ribeira Sacra, Lugo-Terra Chá, e Ancares-Courel.
Dende a entrada en vigor esta norma, hai 6 anos, non se constituíu ningún dos 14 xeodestinos da Comunidade. Na provincia de Lugo o único que hai é o que representa o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e é anterior a esta lei. Tamén o é a Mancomunidade da Mariña que, aínda que naceu para a xestión conxunta de servizos públicos, traballa intensamente na promoción turística da zona. Desta mancomunidade, forman parte 16 Concellos, entre os que se atopa Riotorto, municipio que, pola contra, a Lei de Turismo da Xunta establece no xeodestino Lugo-Terra Chá.
“Polo tanto, para cumprir coa lei autonómica, deben constituírse claramente tamén os xeodestinos da Mariña, Lugo-Terra Chá e os Ancares-Courel. Este traballo require da necesaria implicación e colaboración da Xunta”, apuntou Campos Conde. O Presidente da Deputación explicou que actualmente o Goberno Provincial xa colabora co Consorcio da Ribeira Sacra e coa Mancomunidade da Mariña cunha achega económica total de 50.000 euros (25.000 euros por xeodestino), e adiantou que “faremos o mesmo cos xeodestinos Lugo-Terra Chá e Ancares-Courel cando se constitúan”. Tras a insistencia dos Alcaldes, o Delegado Territorial da Xunta comprometeuse a investir uns 100.000 euros por xeodestino e a convocar novas reunións de traballo con Deputación e Concellos para avanzar na constitución dos mesmos.
Unha única marca turística, a de Lugo
“Con todo, dende o Goberno da Deputación cremos que temos que promocionar a provincia no seu conxunto, poñendo en valor os diferentes mundos que nela se aglutinan. Por este motivo, decidimos elaborar un Plan Estratéxico de Turismo, que presentaremos en xuño e que incluíra medidas de promoción de todo o territorio lugués. Con isto buscamos crear unha única marca turística na nosa provincia: a de Lugo. Para elo, vamos a constituír un Consello Provincial de Turismo, que dea voz aos axentes implicados nos 4 xeodestinos que define a lei da Xunta de Galicia”, subliñou.
Dende o Goberno da Deputación participarase “activamente” no deseño das actuacións necesarias para converter á provincia de Lugo no seu conxunto nun destino turístico de referencia no país. “A nosa colaboración, aínda non ter as competencias de turismo, pois estas son da Xunta, tamén pasa pola económica”, destacou Campos Conde.
Deste xeito, no orzamento de 2017, figuran partidas neste eido que superan os 1,5 millóns de euros, entre as que se atopan os 400.000 euros que o Goberno da Deputación ofrece aos Concellos para actividades turísticas a través do Plan Único; a do Plan Estratéxico de Turismo para este ano, así como a das Rutas Fluviais no Miño e Sil. A maiores, hai que engadir os 50.000 euros para actividades de promoción, diversificación da oferta turística, desestacionalización, mellora da información… para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a Mancomunidade da Mariña. Campos Conde adiantou que o Executivo Provincial achegará a mesma cantidade para este fins aos entes que se deriven dos xeodestinos Lugo-Terra Chá e Ancares-Courel.























A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



