Viveiro (Lugo), 15 de xuño de 2017.- O Xunta de Galicia lamenta a decisión do Goberno municipal de Viveiro de abandonar a colaboración que viña mantendo ata o de agora co programa de vixilancia e control da vespa velutina, un feito do que aínda non teñen constancia oficial e tan só coñecen polas informacións publicadas nos medios de comunicación.
Desde a administración autonómica consideran especialmente desafortunado o momento elixido polo Executivo local vivairense pois, neste período estacional intensifícase a presenza deste insecto e supón, na práctica, desentender as necesidades da súa veciñanza e moi en particular dos profesionais da apicultura.
Desde o Goberno galego sempre se entendeu que ante un problema desta magnitude e con tal repercusión social e ambiental, era necesaria a implicación de todas as administracións e, con este obxectivo e, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), emprazou aos concellos que así o quixeran a sumarse ao programa de vixilancia e control desta especie.
O propio Concello de Viveiro solicitou a súa adhesión a dito plan, mostrando a súa disposición para abordar a retirada de niños no seu ámbito municipal, e, tal e como establece o convenio, a participar directamente no operativo, a través dos seus propios medios (persoal municipal, voluntarios de protección civil…).
En relación aos concellos que mostraron a súa decisión de colaborar no operativo, a Xunta de Galicia organizou as oportunas xornadas de formación, así como o subministro de material axeitado ás funcións a desenvolver.
Así, para os concellos de Lugo, a xornada de formación celebrouse o día 12 de maio, e nela entregáronse dous equipos de protección individual a todos os concellos (entre eles o de Viveiro), que foron cedidos pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).
Unha vez realizada a formación e entregadas as traxes de protección correspondentes, os concellos colaboradores foron inmediatamente dados de alta na aplicación de xestión de avisos da vespa velutina, enviándose ao persoal determinado polo Concello as correspondentes claves de usuario e contrasinal, así como o manual de uso da aplicación.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural adquiriu pértegas de 27 metros de lonxitude, que foron entregadas aos concellos colaboradores das zonas máis afectadas. En concreto, ao concello de Viveiro se lle entregou unha pértega a principios do mes de xuño de 2016.
A Xunta non pode compartir, despois de explicar todos estes datos, a acusación de falta de respaldo e, todo o contrario, lamenta que o Concello de Viveiro non estea disposto a poñer, como si están a facer outros municipios veciños, todas as ferramentas posibles para tentar reducir así a presenza dos niños e o impacto deste insecto invasor no medio ambiente e na actividade dos profesionais do medio rural.