Ribadeo (Lugo), 5 de xuño de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou esta mañá nos actos de celebración da tradicional Romaría das Cruces, na parroquia de Arante en Ribadeo.
O dirixente territorial aproveitou a presenza para reiterar o seu apoio á declaración desta festa como de interese turístico galego e reiterar a disposición da administración autonómica para prestar o asesoramento e o apoio técnico necesario para acadar este obxectivo.
Balseiro lembrou que xa desde o primeiro momento a Delegación territorial da Xunta transmitiu aos veciños (a través da asociación O Formigueiro) a súa vontade de asesoralos ao longo de todo este proceso, unha oferta intensificada toda vez que agora existe un acordo plenario unánime da Corporación Municipal neste mesmo sentido.
O delegado territorial explicou que a declaración de interese turístico galego serviría como recoñecendo ao arraigo, antigüidade, singularidade e valor cultural desta celebración e daría pé a recibir a liña de axudas prevista pola Xunta para a promoción e organización destas citas.
“Ademais de servir de recoñecemento a un fito histórico, a vitoria sobre as tropas napoleónicas, desenvólvese nun entorno patrimonial de grande importancia, pois a igrexa da Ponte, conserva frescos de gran interese artístico”- sinalou Balseiro.
A Romaría das Cruces, constitúe unha cita ineludible no calendario de festas de primavera, todos os luns de Pentecoste, atraendo cada ano a numerosos veciños e, de feito, a súa organización transcende ao propio municipio de Ribadeo, xa que participan parroquias veciñas de Trabada.
O Goberno galego apoia a promoción das festas de interese turístico por formar parte da cultura e constituír un recurso con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas todo o ano, algo que ademais serviría para dar maior vitalidade á parroquia de Arante
Galicia conta con 135 festas declaradas como de interese turístico autonómico que súmanse ás 9 festas de interese turístico internacional e ás 10 de interese nacional.