O alumnado do CEIP Antía Cal Vázquez escríbelle á UNESCO: “A nosa escola é moito máis ca un lugar para aprender: é onde aínda se pode escoitar o galego. Por iso vos pedimos apoio para as escolas do rural”
Muras, 20 de maio de 2025. O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participou esta mañá en Muras na preparación do envío á UNESCO dun exemplar numerado da primeira edición do discurso “Alba de Gloria” de Castelao pertencente á biblioteca da pedagoga Antía Cal e do oftalmólogo galeguista Antón Beiras. O acto, convocado polo Legado Activo Beiras Cal na véspera do Día Mundial da Diversidade para o Diálogo e o Desenvolvemento, contou co alumnado do colexio que leva o nome da educadora, pioneira do ensino en galego. Os nenos e nenas desta escola de Muras asinan unha das tres cartas que chegarán canda o volume á organización internacional para lle solicitar apoio ás medidas a prol da lingua galega.
“Desde o Legado Activo Beiras Cal pedímoslle á UNESCO que se interese por aquelas políticas lingüísticas que sirvan para darlle á lingua galega un futuro, e facémolo neste momento no que hai unha clara crise no número de falantes da nosa lingua porque cremos que é unha hora crucial para a permanencia do galego”, explicou Beatriz Beiras Cal, filla de Antía Cal (1923-2022) e Antón Beiras (1915-1968).
O presidente da RAG aplaudiu esta iniciativa arredor de “Alba de Gloria” polo que o texto significa na historia de marxinación e represión do galego, e valorou especialmente que se faga da man dunha escola rural porque “a diversidade lingüística está relacionada coa diversidade humana e o territorio”. “Temos que relacionar o mantemento do idioma co benestar e co desenvolvemento das comunidades humanas que o falan. E isto está intimamente relacionado coa ecoloxía, co coidado do territorio e co desenvolvemento respectuoso co medio natural, que permita que a xente se radique no rural en condicións de vida dignas”, engadiu Henrique Monteagudo nun acto que contou tamén coa presenza do alcalde de Muras, Manuel Requeijo.
Nesta liña, os quince nenos e nenas do CEIP Antía Cal Vázquez reclaman na súa emotiva carta apoio ás escolas rurais como preservadoras da contorna e do idioma do país. “A nosa escola é moito máis ca un lugar para aprender: é onde aínda se pode escoitar o galego. Por iso vos pedimos apoio para as escolas do rural, para que non se esqueza quen vive no rural. Que haxa leis, recursos, vontade para manter vivas as aulas pequenas como a nosa”, expresan.
O Legado Activo Beiras Cal asina outra das cartas e Henrique Monteagudo, especialista na figura de Castelao, firma a terceira dirixida á directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay. O presidente da Academia explícalle a significación histórica e cultural do derradeiro discurso de Castelao, pronunciado o Día de Galicia de 1948 desde o exilio en Buenos Aires e prohibido durante moitos anos na súa terra.
Un exemplar chegado de forma clandestina a Galicia
A celebración co gallo do Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento tivo lugar na sede do Legado Beiras Cal, a antiga casa familiar en Muras de Antía Cal, fundadora do colexio Rosalía de Castro de Vigo, onde desenvolveu unha pedagoxía innovadora e apostou polo uso do galego en plena ditadura. Cal escribiu nos anos 50 O libro dos nenos, un manual de xeografía en galego que permaneceu inédito máis de sesenta anos. Considerado unha das obras fundacionais da pedagoxía galega do século XX, foi galardoado polo Lar Galego de Caracas en 1955, catro anos despois de que saíse do prelo na Arxentina a primeira edición de “Alba de Gloria”.
Antía Cal e Antón Beiras conseguiron facerse cun dos exemplares desta alocución que chegou clandestinamente a Galicia. “Posiblemente chegase á casa deles a través de Luis Seoane, con quen mantiñan unha estreita relación”, apunta Carme Varela, secretaria do Legado. Setenta e cinco anos despois do pasamento do seu autor, e cadrando coa celebración do Ano Castelao, o folleto viaxará agora á biblioteca da UNESCO en París, nunha homenaxe á memoria dun home que destacou pola súa defensa da democracia, salienta o presidente da RAG na súa carta. Henrique Monteagudo considera que este discurso é “talvez o máis fermoso escrito en galego” e lembra que nel o intelectual rianxeiro fai “un afervoado eloxio do pobo galego, como preservador da identidade singular de Galicia e fiel custodio do idioma propio a través dos séculos”.
“Esta alocución foi escoitada con intensa emoción por unha audiencia formada por persoas pertencentes á numerosa colectividade galega naquela cidade e no Río de la Plata, persoas que tiveran que emigrar de Galicia por razóns económicas ou refuxiarse alí por razóns políticas, para fuxir da represión desatada despois do golpe de Estado fascista de 1936 e pola ditadura que o seguiu”, engade. “O propio orador, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (coñecido en Galicia como Castelao), un dos persoeiros máis representativos da cultura e da política da Galicia do século XX, era un exiliado que tivera que procurar refuxio na Arxentina”, contextualiza.






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



