Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe os traballos de sinalización e mellora efectuados no Camiño do Norte, que este mércores cumprirá dous anos como Patrimonio Mundial da Unesco. As obras ao longo de preto de 200 quilómetros remataron despois de meses de traballo que fixeron desta ruta xacobea, que cada día xera más interese, un itinerario máis accesible e seguro.
A actuación no Camiño do Norte desenvolveuse en 16 concellos das provincias de Lugo e A Coruña e dividiuse en tres tipos de intervencións: a incorporación de novos sinais que faciliten a orientación dos camiñantes, a rehabilitación do trazado naqueles treitos onde foi necesario e a mellora da drenaxe, para evitar situacións que dificulten a peregrinaxe. O investimento necesario para levar a cabo todas elas superou os 2,3 millóns de euros.
“O Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, presentado poucas semanas despois da consecución do título da Unesco en 2015, incluía compromisos para mellorar esta ruta”, subliñou Nava Castro na visita desenvolvida nun tramo no concello lucense de Barreiros. Neste sentido, a directora de Turismo celebrou que xa se pode comprobar que moitas das propostas avanzadas entón “son unha realidade e fan da peregrinaxe unha experiencia acorde as expectativas do peregrino, que gaña en seguridade e en certezas”, afirmou.
No eido da sinalización, colocáronse máis de 900 fitos de pedra nos cales se indican cantos quilómetros separan ao peregrino da súa meta en Santiago de Compostela. Incorporáronse tamén 200 cunchas cerámicas con frecha en paramentos horizontais e outras 20 cunchas de bronce para a súa correcta sinalización. Como complemento, procedeuse á instalación de carteis informativos nas distintas bifurcacións do Camiño e nos trazados alternativos.
Limpeza, roza e recuperación
Co fin de que o peregrino non atope problemas no trazado cando discorre por el, leváronse a cabo labores de limpeza, roza e recuperación naqueles treitos do Camiño de Santiago pechados pola vexetación. Do mesmo xeito, naqueles onde se atopaba en malas condicións, dificultando o paso, realizouse aporte de materiais con características semellantes aos que xa existían na zona. E por último, nos casos onde a pendente da ruta era elevada, optouse por estabilizala con materiais que garantan a súa correcta conservación no futuro.
Un terceiro eixo de traballo consistiu na mellora da drenaxe. Para conseguilo, limpáronse as cunetas e colocáronse elementos de pedra como pasos de auga, canais, pasais e elementos de protección nos bordes do trazado, para impedir que a auga poda deteriorar o Camiño.
Estes traballos compoñen un conxunto de actuacións relevantes, pois o Camiño do Norte é o terceiro máis percorrido. Na última década o interese por achegarse a el multiplicouse por tres. O pasado ano elixírono máis de 17.000 peregrinos e a tendencia sigue á alza. No seu tramo na Comunidade, atravesa os concellos de Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado dos Monxes, Vilasantar, Boimorto, Arzúa -onde enlaza co Camiño Francés-, O Pino e Santiago de Compostela.
Segundo afirmou Nava Castro, “estas actuacións permiten contar cun Camiño do Norte máis accesible, seguro e sustentable”, tres liñas de traballo que, coa vista posta no Xacobeo 2021, rexen boa parte das actuacións impulsadas por Turismo de Galicia para incrementar a calidade de Galicia como destino turístico. Así o prevé a Estratexia do turismo Galicia 2020, a folla de ruta elaborada da man do sector cun investimento de 240 millóns de euros.
Nesta planificación inclúese o Plan director do Camiño de Santiago, que dedica unha das súas oito liñas a velar pola conservación e mantemento da ruta, con actuacións prioritarias de mantemento viario, sinalización homoxénea e seguridade viaria, ademais da consecución dun Camiño máis accesible para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida.



















Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



