Ribadeo (Lugo), 11 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia financia a instalación dun punto de información interactivo mediante unha pantalla táctil no centro de Ribadeo, diante da oficina de turismo situada na rúa Dionisio Gamallo Fierros.
Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que subliñou que Turismo de Galicia realiza unha achega de máis de 16.000 euros para este proxecto, orientado a mellorar a sinalización e a accesibilidade aos recursos turísticos do municipio.
Deste xeito, o municipio disporá dun punto de acceso a toda a información turística de interese, alternativo e complementario á oficina de turismo, co que tamén contribuirá a evitar colas neste centro, especialmente durante o verán.
Balseiro subliñou que esta actuación enmárcase dentro da orde de subvencións de Turismo de Galicia a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en liña co Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
Segundo explicou o delegado, as axudas teñen por obxecto “consolidar a oferta turística nos municipios rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.
Deste xeito, engadiu, “aproveitamos outro mecanismo de reequilibrio territorial, e ao mesmo tempo, incidimos no tipo de turismo que queremos desenvolver na provincia: accesible, sustentable e de calidade”.