Alfoz 1-8-17.Este vindeiro xoves, día 3, ás 19,00 horas, no Adro de San Pedro, en Alfoz, na véspera da Festa dos Choferes, celébrase o II Festival Músico Vocal “Arcadio Mon”, en recordo do que fora Director da Escola de Música de Foz e da Banda de Foz, así como músico e cantante en numerosas e famosas orquestras galegas, Arcadio Mon, que naceu na parroquia alfocense de Bacoi.
Nesta segunda edición do Festival teremos tamén concurso de novos talentos musicais, coa participación de 7 rapaces menores de 20 anos, que competirán por tres premios.
Contaremos coa participación tamén de tres grupos musicais, como son “Escolma de meus” de Viveiro, “Sons de Celeiro”, tamén de Viveiro, “Mar Aberto” de Foz e “Sons Varadero”, tamén de Foz.
Finalmente, contaremos coa participación de solistas de renome, como son Sito Sedes, Enzo Fernando, Toni Cazás, Miro Casabella e Marga Rodríguez. Estes cantantes estarán acompañados por cinco músicos: Antonio Mandiá, Juan Carlos García, Lino Rico, Felipe Sánchez e Chis.
O acto está organizado polo Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) e patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Alfoz. Segundo convenio entre os dous concellos do Val, para o ano que vén, na terceira edición do Festival, este será organizado polo concello do Valadouro.