Burela, 25 de agosto de 2017. O Concello ultima estes días os preparativos para que no mes de setembro empece a funcionar a nova escola infantil. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, salienta que se trata dunha nova moi positiva, debido á grande demanda de prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que se está a rexistrar.
O rexedor burelés declarou que “se están dando xa os últimos pasos para que a escola infantil quede lista para empezar a funcionar no mes de setembro. Agora mesmo está o interior con toda a dotación, se están dando os últimos pasos para que quede todo perfecto e seguro. No exterior hai que preparalo, loxicamente non dá tempo a facer unha labor de axardinamento total, pero si que xa vale perfectamente porque hai unha zona que está con rego de aspersión e xa está moi vistosa, e pode ser útil para os rapaces que empecen en setembro”.
Llano subliñou que “isto é importante para Burela porque hai moita demanda de educación de 0 a 3 anos. Entre as dúas escolas infantís xa atendemos a unha boa cantidade de nenos, pero aínda con todo temos xente agardando en listas de espera, polo tanto imos procurar ver cómo podemos atender todas as necesidades”.
Para o alcalde burelés que Burela conte con dúas escolas infantís “significa algo moi positivo porque quere dicir que hai moitas familias que teñen nen@s, e polo tanto hai que falar en positivo porque hai que lembrar que Burela é un dos poucos sitios que agora mesmo está medrando en poboación”.
Alfredo Llano espera “ver se somos capaces de darlle unha facilidade a estas familias que queren instalarse aquí e proxectar a súa vida, e polo tanto que poidan combinar perfectamente labores de familia e de educación dos nenos e nenas”.
