Santiago de Compostela, 3 de agosto de 17. O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, denunciou en rolda de prensa a “covardía manifesta” da Xunta tras publicar onte, “nun 2 de agosto”, un Anteproxecto de Lei para modificar a Lei de Saúde de 2008 “pola porta de atrás”. Torrado explicou que este anteproxecto supón, entre outras cousas, que a partir de agora a participación na sanidade “vaise decidir por decreto”, así como unha ampliación “moito máis dura” do modelo de áreas sanitarias, cunha redefinición do mapa “encamiñada a reducir á nada o peso das áreas comarcais” que supón “a perda da xestión directa da atención primaria”. O grupo socialista pedirá de forma urxente a comparecencia extraordinaria do conselleiro de Sanidade no Parlamento.
Torrado lembrou a “situación crítica na sanidade”, cunha advertencia de folga hoxe mesmo por parte dos médicos, cun problema de persoal grave e unha redución de servizos importante no verán. “E a consellería o que saca da manga ante todo isto é un anteproxecto de lei un 2 de agosto claramente covarde nas formas”, afirmou. Agora ábrese un prazo de 15 días para a participación cidadá, o que a limita ata o 17 de agosto. “Como todo o mundo sabe, do 2 ao 17 de agosto non son as datas máis apropiadas para fomentar a participación; a participación ou se cre nela ou faise de tapadillo e neste caso é realmente vergoñento que se utilicen estas datas para unha reforma de tanto calado”.
O anteproxecto, ademais de conlevar reformas en canto a persoal ou inspección médica, supón que a partir de agora “vaise participar na sanidade pública por decreto”. Ata agora nos consellos de saúde galego e de área participaban alcaldes, representantes de entidades locais, federacións de veciños, asociacións de pacientes, etc. E agora esta reforma di literalmente que a composición se decidirá “por decreto do consello da Xunta”.
A redefinición do mapa sanitario “vaise definir tamén por decreto” cunha ampliación “moito máis dura” dun modelo actualmente xa cuestionado, encamiñado “a reducir á nada o peso das áreas sanitarias comarcais”, que principalmente afectará ás áreas sanitarias do Salnés, A Mariña, Monforte e Valdeorras. Isto supón “a perda da xestión directa da atención primaria” e pode profundizar na redución de servizos nos hospitais comarcais ou impoñer unha obrigada derivación de persoal cara os hospitais das cidades. “Constátase a redución de servizos sobre todo no rural por decreto lei”, criticou Torrado, que informou de que o grupo socialista xa está en contacto cos sindicatos, alcaldes das vilas principais, representantes locais e deputados ante posibles mobilizacións.
“A consellería fala de optimización de servizos e de plasmación dun modelo existente. En base a ese argumento sería unha reforma inútil, e non podemos aceptar que o conselleiro asuma que fai reformas inútiles. Para nós é covarde e ten propostas de calado”, afirmou Torrado. “Cada vez que a Xunta fala de optimización de recursos botámonos a temblar, porque a optimización supón sempre redución de servizos”, concluíu.