Remourelle, 14 de agosto de 2017. O vindeiro sábado 19 de agosto, Remourelle celebra unha nova edición da tradicional festa da carne ao caldeiro que organiza a Asociación de Veciños e Veciñas A Madanela coa colaboración do Concello de Ribadeo.
A deste ano é a décimo segunda edición dunha festa que ten como eixe central a exaltación dun dos productos máis típicos da localidade: a carne de tenreira cocida acompañada de aceite, pemento picante e patacas. A degustación deste prato tradicional comenzará ás 13 horas e estará aberta durante todo o día.
Alén da parte gastrónomica, a xornada festiva inclúe tamén música e deportes tradicionais. Ao mediodía o grupo Alba será o encargado da sesión vermú e ás 17 horas dará comezo unha exhibición de bolos celtas. Xa pola noite, a verbena correrá a cargo do grupo Alba e, contra as doce, o “Gran Druída” será o encargado de pechar a festa da carne ao caldeiro cunha queimada popular.
Logo de 12 anos de celebración, a cita converteuse nun referente do verán festivo na comarca, con afluencia tanto de persoas de localidades veciñas como tamén de visitantes que disfrutan duns días de descanso na Mariña. Na edición de 2016 servíronse máis de 400 racións de carne ao caldeiro e pasaron pola festa máis de medio milleiro de persoas.
Festa na honra de Santa María Magdalena
A fin de semana complétase en Remourelle coa celebración das festas na honra de Santa María Magdalena, patrona da aldea. Será o domingo 20 de agosto, cando a localidade celebrará as súas festas patronais. A xornada comezará ao mediodía coa celebración dunha misa solemne e unha sesión vermú coa orquestra Imperium que será tamén a encargada de amenizar a verbena.