Mañón 24-8-17. O segundo día das VII Xornadas Memoria dun Tempo, organizadas pola asociación Nordés, terá como relatora a Montse Fajardo, dende as 20:00h. no Salón de Actos do Concello de Mañón.
Chega ao Barqueiro para falar da “Memoria das mulleres no relato da represión franquista” pola súa experiencia na recuperación da memoria dende unha perspectiva de xénero, a través de plans institucionais e persoais, dende o ámbito da escrita.
Por un lado, Montse Fajardo forma parte do grupo redactor do programa “A memoria das mulleres” promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra. Este proxecto “nace coa finalidade de construir, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.” Unha das súas misións, en concreto, é a de promover a participación dos centro educativos no estudo e divulgación sobre as mulleres na historia de Pontevedra.
Por outro lado, recolleu a memoria de dezaseis familias marcadas pola represión tras o golpe de Estado de 1936 en “Un cesto de mazás”; e centrou o protagonismo do seu libro”Matriarcas, mulleres en pé de vida”nas mulleres da posguerra.
Montse Fajardo é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, a súa vida laboral está ligada á prensa escrita como redactora no “Faro de Vigo” e o “Diario de Arousa” e a radio. A día de hoxe forma parte do grupo redactor do programa “A memoria das mulleres”.
Por outro lado, seguen chegando as adhesións á intervención artística e á homenaxe que terán lugar o sábado 26 baixo os títulos respectivos de “Unha flor pola memoria” e “Homenaxe a republicanos e libertarios”, estando prevista a participación da pintora Zili Katova, a asociación cultural Apelón Educación de Mugardos pola parte artística e cultural, namentras que pola política cóntase coa presenza do deputado do BNG X. Luis Bará, e a da alcaldesa incidental de Ortigueira, Vanesa Trevín.