Mañón 26-8-17.No último día das VII Xornadas Memoria dun Tempo teremos un acto pola mañá -na Ponte do Barqueiro, de 11:00h. a 13:00h.- chamado “Unha flor pola memoria” do que engadimos máis información ao final. Logo, cara a 13:30h. reunirémonos na monolito para celebrar a V Homenaxe a republicanxs e libertarixs.
Pola tarde, cara as 20:00h. no Salón de Actos do Concello de Mañón, daremos as últimas pinceladas a estas VII Xornadas Memoria dun Tempo coa proxección do documental “Apuntamentos para un filme”, traballo que foi feito coas entrevistas a partir das cales creáronse as personaxes femininas do filme A cicatriz branca (2012) de Margarita Ledo Andión.
48 minutos onde máis dunha ducia de mulleres galegas falan da súa vida na emigración en Arxentina. A maioría delas saíran de Galiza de mozas, no primeiro terzo do século XX, coa única fin de traballar servindo nalgunha casa. Unhas viaxaban cos papeis en regra, outras tiñan que falsificar a súa.
Margarita Ledo recolle a memoria destas mulleres ligadas intimamente a Galiza, pero dispersas nunha diáspora que as deixa marcadas de por vida. Por iso, Apuntamentos para un filme xira sobre a idea de que o primeiro que perde un emigrante é a palabra, propoñéndose aquí “unha conciencia fragmentada do feminino” onde é o silencio o que ten un peso en concreto
A continuación, Pilar Cagiao Vila en “Ser muller e ser emigrante: experiencia das galegas en América” falará do fenómeno en xeral e de experiencias concretas das galegas na emigración a comezos do século XX. Á vez, encantaríanos poder contar con mulleres da bisbarra que viviron a emigración en América Latina, Europa ou noutros lugares, para falar das semellanzas, dos atrancos,… Ao fin, das súas experiencias. Convidamos ás emigrantes e inmigrantes a achegarse!
Pilar Cagio é profesora titular de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela e directora do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas “Gumersindo Busto” da mesma universidade. Dende a a súa tese, investiga sobre os movementos migratorios e as relacións culturais entre España e América Latina. Foi directora do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega e forma parte, na actualidade, da xunta directiva da Asociación Española de Americanistas (AEA). O seu primeiro libro titulouse:Muller e emigración”(1997) e ten publicacións tanto sobre temática migratoria como da propia historia de América Latina.
Para pechar as xornadas, cara as 22:00h nese mesmo lugar, contamos con María Manuela, cantante e pintora ferrolá, que dende a década dos setenta loita pola dignidade da lingua galega. Esta reivindicación constante pode verse ao longo do seu traballo en solitario en ambas disciplinas ou no dúo musical que formou coa súa parella, Miguel Varela. Xurxo Varela, músico, compositor e fillo da artista, acompañará a esta muller nunha noite que desexamos que sexa unha reivindicación da (súa) figura feminina no mundo das artes galegas e da nosa cultura.
ACTO “UNHA FLOR POLA MEMORIA”
O título “Unha flor pola memoria” da nome a unha das novidades das xornadas “Memoria dun tempo” deste ano. Trátase dunha intervención artística para a cal vaise contar coa presenza de artistas como Lucas Iglesias Serantes, quen fai as veces de coordinador da parte plástica, ou a pintora Zili Katova, e tamén de asociacións culturais doutros sitios de Galicia, como por exemplo a Asociación Cultural Apelón Educación, de Mugardos, coa intención de debuxar a ponte e o ambiente que nela se vai vivir, pois realizaranse unha serie de actividades na Ponte do Barqueiro coa fin de promover a cultura da paz, unha tarefa que se presenta como colectiva para Nordés. A fin última é humanizar o espazo convindado para iso a todas/os as/os veciñas/os a que se acheguen e participen da creación artística ou depositando unha flor pola memoria.
Respostando ao convite feito por Nordés contarase, ademáis das persoas e colectivos artísticos e culturais, coa representación política que, a falta das derradeiras adhesións, estará conformada polos deputados do Parlamento de Galicia Luis Bará e Antón Sánchez, do BNG e En Marea, respectivamente, e pola alcaldesa incidental de Ortigueira, Vanesa Trevín, do PSOE.