A Mariña, 1 de setembro de 2017. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na Mariña saíu ao paso das declaracións realizadas polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurando que “descoñece absolutamente a realidade sanitaria da nosa comarca. Ou a descoñece ou non quere dicir a verdade e amosar a situación que vén provocando o Partido Popular na sanidade pública coas súas medidas.”
Desde a Plataforma aseguran que “se o Sr Balseiro fala de 8500 visitas, significa case outros tantos paseos dos profesionais dende o HULA.” Aseguran que isto “lonxe de ser un exemplo de xestión, significa ter a profesionais traballando baixo presión para vir á Mariña de 09 a 14 horas (na teoría e na información que coñece a EOXI, mais a súa encomiable profesionalidade e dedicación fai que pasen moitas mais horas, conscientes do insuficiente deste amaño trapalleiro da EOXI). Naturalmente, así aforra calquera: con persoal sanitario traballando pola súa conta máis horas das debidas para poder atender con un mínimo de garantías ás persoas usuarias e tratar de arranxar a desfeita que está creando a EOXI na sanidade da Mariña”, afirman.
Por outro lado, a Plataforma asegura que, por exemplo, “no caso de Anatomía Patolóxica e Rehabilitación non viñeron só do HULA; xa que, basicamente, non viñeron”. E retan ao delegado provincial a preguntar a quen estivo mais dun ano sen cita ou agardando por resultados das mostras que viaxaron por toda a provincia en taxis, a quen chegou á cita para recoller os resultados dunha proba e non estaban listou ou aos doentes que marcharon do centro tras ingresar sen iniciar a Rehabilitación.
A Plataforma sostén que o cadro de profesionais, incluídas técnicas e técnicos de citoloxía, é “absolutamente insuficiente”. Aínda por riba, dado o volume de visitas que recoñece o señor Balseiro, debería de existir un Servizo de Oncoloxía propio no centro como ten, por exemplo, Ferrol; que ademais queda con Área propia.”
A Plataforma asegura que “ao Sr Balseiro, pásalle como xa lles pasou coa Radioterapia. Que non se enteraban ou non se querían enterar de que era necesaria no HULA. E, si: dicimos que este servizo pode estar só no HULA para toda a provincia.” Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña afirman que “causaron enorme sufrimento ás persoas doentes da Mariña indo a Coruña a un centro privado subvencionado e finalmente, cando entenderon, moitas e moitos xa morreron. Igual que non entenden que o HULA precisa unha unidade coronaria as 24 horas e non acabarán de entendelo ata ter causado máis sufrimento.”
Desde a Plataforma afirma que “non estamos pedindo máis do que outros centros similares teñen: recursos propios e xestión con cabeza e tamén con sensibilidade, non propaganda.”