Mondoñedo, 29 de setembro de 2017.- O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda presentou esta mañá o proxecto de turismo gastronómico “Terras de Miranda – Turismo de Lugo”. Este é un territorio máxico, un espazo cultural, social e económico común duns 1.300 km2 situado na comarca da Mariña (Lugo, Galicia) que discorre desde Ribadeo ata O Vicedo pasando por Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro e xa cara ao interior, por Ourol, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá e Trabada.
De feito, o eslogan elixido para a iniciativa foi “Busca na Mariña o teu soño real” en alusión, por unha banda, á idílica comarca na que se asentan estes 14 municipios da Galicia Norte. Pola outra, a argumentación profundizou na historia e na literatura galega. As referencias do topónimo “Terras de Miranda” remóntanse ao século XVI e á cartografía do XVIII, aínda que foi a imaxinación do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro (s. XX) quen popularizou este lugar simbólico e atemporal na súa obra literaria. Na comarca das Terras de Miranda, onde transcorre o universo fantástico do icónico libro “Merlín e familia” (1956), atopa as súas raíces o nome do GDR e serve tamén de inspiración para esta nova iniciativa turística.
O proxecto “Terras de Miranda – Turismo de Lugo” foi presentado esta mañá nun concurrido acto público presidido polo presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez Sierra-López, e a xerente, Mª Elena Martínez Paz. Asistiron tamén alcaldes dos municipios implicados e concelleiros responsables das áreas de Turismo, Desenvolvemento Local e Medio Ambiente, así como representantes dunhas trinta empresas interesadas en adherirse. A presentación da parte técnica correu a cargo das responsables da empresa executora, Valora Consultores.
O obxectivo desta iniciativa financiada con fondos europeos a través do programa Leader é poñer en valor o rico patrimonio natural e cultural do territorio, así como mellorar a competitividade das empresas relacionadas con produtos agroalimentarios e pesqueiros locais e de km 0 creando un produto turístico relacionado coa gastronomía, desde a súa orixe ata a chegada ao mercado. Neste sentido, Sierra-López recalcou o carácter colaborativo e participativo desta iniciativa. “Queremos unificar e potenciar os recursos que xa hai, non crear outros novos, por iso é moi importante a implicación de todos vós, de todas as empresas e institucións da zona. Este é un proxecto de todos e o que se trata é de sumar”, destacou.
Esta “posta en común” materializarase coa publicación dun folleto turístico de 10 rutas experienciais autoguiadas visitables todo o ano para desestacionalizar o turismo. Faba de Lourenzá, pescada de Celeiro, bonito de Burela, percebes de Rinlo, mel do Valadouro, pan de Mondoñedo, entre outros, son as riquezas gustativas que se poñerán en valor ao longo dos próximos meses.
O proceso de traballo comezou o pasado mes de xullo cunha reunión entre os responsables dos 14 concellos para obter infomación dos recursos máis destacados do territorio, dos seus produtos agroalimentarios e pesqueiros, así como das empresas susceptibles de unirse a esta iniciativa para convidalas a participar. A creación desta rede de traballo colaborativa entre o sector público e o privado quixo sentar as bases para mellorar a competitividade do territorio e fomentar as sinerxias para incidir na diversificación da economía local.
Tras esta primeira xornada, Valora Consultores e os seus colaboradores, predeseñaron un paquete de rutas experienciais que en próximas smenas presentarán aos concellos para a súa revisión, para recoller novas ideas e propostas.
Calendario formativo
No que respecta á formación, entre as empresas que participen levaranse a cabo asistencias técnicas individualizadas e 2 obradoiros formativos. O primeiro centrarase en nunha xornada de networking (luns 16/101) para xerar sinerxias empresarias e turísticas; e o segundo (xoves 26/10), no control de calidade e a realización de visitas e experiencias turísticas satisfactorias para o visitante.
O calendario completarase cunha xornada de portas abertas consistente nunha visita a unha empresa para ver in situ como realizan o traballo de promoción turística en base a un produto alimentario.
En paralelo
Outras accións que se están a levar a cabo son a promoción do territorio a través de redes sociais (Facebook e Google+), publicacións xa están activas; a creación dunha sección sobre o proxecto na futura web institucional do GDR; e a rodaxe dun spot publicitario que servirá para promocionar o territorio en Internet.























O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



