Viveiro 4-10-17. O Concello leva anos sufrindo as accións incívicas dos cidadáns que veñen depositando materiais de distinto tipo en vertedoiros ilegais, principalmente no antigo vertedorio da Insua e no exterior do Punto Limpo; isto implica un importante risco dende o punto de vista medio ambiental e conleva un elevado custe para as arcas municipais, que cada pouco tempo teñen que asumir a limpeza de ambos espazos.
Dende o Concello quérese facer un chamamento á cidadanía co fin de concienciar aos veciños para poñer fin a estes vertidos, advertindo que ambos espazos están sendo especialmente controlados por Axentes do Seprona e Vixiantes da Consellería de Medio Ambiente, que veñen remitindo a este concello as actas correspondentes cada vez que se detecta un novo vertido. A Lei 10/1998, de 21 de abril, de Residuos contempla elevadísimas sancións para este tipo de infraccións, que se cualifican de grave ou moi grave en función do tipo de residuo.
O pasado luns detectouse un novo depósito de materiais na porta de acceso e nos exteriores do Punto Limpo; unha parte deste material xa foi retirado e o máis voluminoso será recollido proximamente, sendo preciso, para isto, a contratación dun camión pluma. Cómpre destacar que o lugar no que apareceron estes restos se limpou totalmente a pasada semana, contratando, tamén, un camión pluma e destinando a tres operarios que empregaron varias xornadas en retirar o lixo acumulado (Axúntanse fotografías do lugar antes da limpeza; do estado no que estaba a semana pasada, despois da limpeza; e dos restos aparecidos este luns)
Lémbrase que o concello dispón dun Punto Limpo totalmente gratuíto no que os veciños poden depositar os seus enseres (o Punto Limpo está aberto de luns a sábados no seguinte horario: luns, martes, xoves e venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas; mércores, de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas; e sábados, de 10:00 a 14:00 horas); o concello tamén ofrece un servizo semanal de recollida de enseres a domicilio, do que se pode facer uso chamando previamente ás oficinas municipais. Ademais, os técnicos municipais ofrecen todo tipo de asesoramente e información sobre as condicións do punto limpo, sobre a normativa que regula cada tipo de residuos, como actuar en cada caso, etc.
Finalmente, dende o concello laméntase profundamente o deterioro ao que se ve sometido o noso entorno natural e as nosas rúas por este tipo de comportamentos, tendo en conta, ademais, que existen os medios necesarios para que cada cidadán poida xestionar de forma correcta e acorde á lei os seus residuos; e pídese, unha vez máis, a colaboración cidadá para erradicar estes e os demais puntos de vertidos existentes.