Foz, 27 de outubro de 2017. Resumo do Pleno Ordinario de outubro. O BNG presentou tres novas mocións no último pleno ordinario de outubro, recollendo as inquedanzas e demandas dos veciños e tentando sacar a diante puntos clave do seu programa electoral.
A primeira destas mocións, defendida por Lorena Seivane, insta ao equipo de goberno a que rectifique publicamente o bando que prohíbe o nudismo en tódalas praias do Concello e que regule en ordenanza o dereito ao desnudo, que conta con moita tradición en algunhas praias como a dos Alemáns. Esta moción foi intensamente debatida e finalmente aprobada cos votos a favor de toda a oposición e os catro votos en contra do Partido Popular.
A continuación defende Teresa Rego que se elabore un plan de limpeza e mantemento dos camiños públicos, agora que o Concello vén de elaborar o inventario dos mesmos. Así mesmo, as concelleiras nacionalistas solicitan que se poña a funcionar canto antes para lograr organizar o traballo e optimizar os recursos, de xeito que se poidan evitar as constantes queixas veciñais a respecto do estado das vías de comunicación do municipio. A moción foi aprobada a pesar da abstención do equipo de goberno, alegando que as vías están sufucientemente limpas.
E, en último lugar, debátese a posibilidade de levar a cabo uns orzamentos participativos nos que os veciños, a través do Consello veciñal, poidan opinar e decidir onde investir polo menos o 25% do orzamento de investimento do noso Concello, igual que se fai en moitas vilas e cidades, que tamén sae adiante coa abstención do equipo de goberno, que non considera necesario implicar á veciñanza na elaboración do documento máis importante dun concello, mostrando así cal é a súa idea de democracia participativa.
Por outra banda, tratáronse temas como o cambio de obxecto de inversión que substitúe a creación dunha senda peonil en Cangas pola reparación da estrada de Alemparte ata a Lamallada. O BNG, aínda que coa súa abstención permite a execución da partida orzamentaria e a consecución desta obra, criticou a falta de organización e o proceder defectuoso da elaboración dos orzamentos nos que se inclúen partidas que non se consensúan cos veciños afectados e traen consecuencias apresuradas coma esta.
A proposta de alcaldía que ocupaba o segundo punto viña dunha recomendación do servizo de recadación da Deputación de Lugo a propósito de rectificar a redacción da ordenanza fiscal reguladora do imposto de bens inmobles e vehículos de tracción mecánica. Unha modificación que facilita a comprensión dos contribuíntes e facilita a labor recadadora.