Cervo, 30 de outubro de 2017.- A edil de medio ambiente do Concello de Cervo, Manuela Méndez, vén de anunciar que se abriu o prazo para sumarse ao pedido conxunto de árbores froiteiras que se tramita dende o propio consistorio dende hai varios anos “e que supón un aforro importante para aqueles veciños que desexen adquirir exemplares”.
Dende o Concello, pois, “animamos a todos os nosos veciños a que revitalicen as súas fincas coa plantación deste tipo de árbores, para que así sexan cada vez máis produtivas”.
Méndez apuntou “que a concienciación ambiental ocupa unha posición preeminente na nosa filosofía de traballo, e por elo poñemos especial énfase en iniciativas coma esta, que van en comunión con medio; e que redundan en beneficio dos cervenses e da súa calidade de vida”.
A edil recordou así mesmo que hai en marcha diferentes iniciativas nesta liña como é a reforestación dos montes municipais con árbores autóctonas, ou a entrega de composteiros de balde aos nosos veciños, entre outras.
Os interesados poden descargar os impresos na propia páxina web do Concello (www.concellodecervo.es) ou ben recollelos no rexistro xeral.
Hai dispoñibles máis de 30 especies diferentes de árbores froiteiras e os interesados teñen ata o 29 de decembro para sumarse ao pedido.
