Viveiro 25-10-17. O Concello de Viveiro rematou a execución da actuación denominada “Sinalización da ruta de sendeirismo denominada “Ruta Penedo do Galo” no Concello de Viveiro (Lugo)” executada pola empresa Futures Infografía, S.L., por un importe de adxudicación de 18.975,00€.
Esta actuación está subvencionada ao abeiro dun programa cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) na medida 7.50 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
A ruta de sendeirismo “Penedo do Galo” sae do casco histórico de Viveiro, sube polo lugar das Cortes, continuando polo mirador de San Roque ata o monte Penedo do Galo. Esta ruta non se encontraba sinalizada, dificultando en gran medida a súa realización.
Con esta actuación levouse a cabo a limpeza da ruta mediante o desbroce de vexetación en determinadas zonas e colocouse ao longo da ruta balizas, postes con frechas e paneis informativos; quedando sinalizada unha das rutas de sendeirismo máis concorridas do Concello de Viveiro, identificada con marcas que posibiliten o seu uso pola maioría dos usuarios e ao longo de todo o ano, e preparada para realizar nela actividades tanto deportivas como de recreo.
Coa execución deste proxecto cumpríronse os seguintes obxectivos:
•Facilitar ao usuario a práctica do sendeirismo, preferentemente no medio natural, proporcionando seguridade, calidade de información sobre a actividade a desenvolver.
•Incentivar o coñecemento do entorno natural e dos elementos da tradición rural dos espazos por onde se transita, buscando unha práctica cultural e ambiental.
•Protexer e cuidar os montes e o patrimonio coa potenciación destes sendeiros, xa que permiten poñer en valor os elementos patrimoniais que encontramos neles e fomentan o acercamento dos cidadáns a estes lugares. Coa posta en marcha e creación deste sendeiro, se pretende que, a través do seu uso pola poboación, se contribúa ao respecto polo medio ambiente e pola natureza.
•Fomentar os hábitos de vida saudables entre a xuventude e unha mellor calidade de vida da poboación.
•Coa sinalización desta ruta de “Penedo do Galo”, amplíase a oferta turística do municipio, dinamizando á poboación propia e, principalmente, atraendo a outras persoas foráneas interesadas polo medio ambiente.