Ribadeo, 27 de novembro de 2017. O Concello levará a cabo actuacións con aglomerado asfáltico en estradas de parroquias ribadenses como Piñeira, Vilaframil, Arante ou Remourelle. O alcalde, Fernando Suárez, anuncia ademais que se construirán pasos elevados en varios destes viarios así como en Recarei, na propia vila de Ribadeo. O investimento, na súa maioría procedente de fondos propios, ascende a 256.000 euros.
O rexedor ribadense anunciou que “nestes días estamos desde o Concello de Ribadeo actuando en moitos camiños municipais das diferentes parroquias da nosa vila a través de diferentes procedementos de licitación e adxudicación. Foron varias empresas as adxudicatarias dunha serie de obras, maioritariamente sufragadas con fondos propios, con fondos municipais, e algunha outra cunha pequena achega da Deputación Provincial de Lugo”.
Fernando Suárez salientou que “practicamente todas as parroquias teñen actuacións ben sexan de rebacheos, polo deterioro habitual dos diferentes camiños, ou tamén pola renovación integral de moitos deles”.
O alcalde subliñou que “estamos iniciando de maneira decidida as actuacións con aglomerado asfáltico. En boa parte do que estamos facendo xa vai neste material de calidade que garante a súa durabilidade para moitos anos. É máis caro evidentemente, podemos facer menos superficie da que nos gustaría, pero imos ir paseniño facendo todo neste material”.
Suárez Barcia detallou que “en Piñeira, desde o polígono industrial ata a estrada provincia, vai ser neste material, e na estrada xeral de Vilaframil ata o cruce do Regueiral tamén. A estrada de máis de dous quilómetros entre Arante e Remourelle vai ser en aglomerado tamén, no Regueiral por riba de Ríocaínzos, na parroquia de Vilaframil tamén vai ser así”.
O rexedor ribadense engadiu que “en moitos destes lugares imos facer unha serie de pasos elevados, demandados ben polas asociacións de veciños ou ben pola cidadanía en xeral, ou ben advertidos pola Policía Local de circunstancias que poden ser perigosas porque moitos vehículos van a unhas velocidades demasiado elevadas. De aí que en Dompiñor e en Reverte na parroquia de Piñeira imos poñer uns pasos elevados, en Vilaframil na zona da Siñeira imos poñer tres pasos elevados, en Vilaselán no lugar dos Galos tamén, en Cubelas no núcleo de Vilela tamén, e na vila de Ribadeo na zona de Recarei tamén imos poñer un paso elevado”.
O alcalde dixo que “se sumamos todas estas actuacións van ser 256.000 euros, que na súa meirande parte van ser sufragados con fondos propios, con fondos municipais. Cando falamos de que temos remanente, o remanente non é soamente para metelo nunha hucha, é para gastalo nestas circunstancias. Grazas a este remanente, a que a economía está bastante equilibrada, sen estar para tirar foguetes, pero está bastante equilibrada, é cando podemos facer actuacións de calado como estas nas parroquias”.
Fernando Suárez espera que “nas próximas semanas estea dada conta de todo este traballo”.