Burela a 27 de decembro de 2017. Desde a CIG, “queremos agradecer a toda a cidadanía -de todos os concellos, idades e ideoloxías- a súa capacidade de mobilización na rúa desde o mes de agosto baixo a bandeira común da defensa da sanidade pública na comarca da Mariña”.
Quen insulta pon de manifesto que carece de argumentos.
Nunha desesperada fuxida cara adiante, onte o deputado popular Daniel Veiga nunha entrevista na Radio Galega, non dubidou en cualificar ás persoas que saíron á rúa como “oito suxeita pancartas que non representan a ninguén”, explican dende o sindicato nacionalista.
CIG Saúde A Mariña tacha de irresponsable a actitude de Daniel Vega e e exíxenlle desculpas inmediatas. “Sabemos que el se debe ao PP antes que ás veciñas e aos veciños da Mariña. Vale que prefira manter o seu posto ao prezo que sexa. Pero o que non imos permitir é que lle falte ao respecto así a toda unha comarca que, pacificamente, amosa na rúa o seu rexeitamento aos plans sanitarios do PP. O Señor Vega non remata de entender que a cidadanía sae libremente á rúa desde agosto xa que está a sufrir en primeira persoa os recortes sanitarios, as listas de espera e o aumento das derivacións a Lugo”
“Cando o PP para defender as súas formulacións tes que recorrer a elevar o ton por encima do que é politicamente recomendable, o único que mostra é falta de argumentos para defender as supostas melloras que suporía a desaparición da nosa área sanitaria”, afirman.
Supresión da Área Sanitaria.
Dende CIG Saúde esixen unha vez máis ao PP a retirada do proxecto de reforma da Lei de Saúde e demandan unha área de xestión integrada para A Mariña con plena capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada e sobre os seus recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos da área sanitaria.
“A CIG continuará a participar nas mobilizacións dos mércores diante do Hospital da Costa e Centros de Saúde para manter a Area Sanitaria e defender unha sanidade digna e de proximidade”, conclúen.