A Mariña, 16 de xaneiro de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentará a súa oferta turística en Fitur, en Madrid, o vindeiro 18 de xaneiro ás 17:00 horas no stand da Axencia de Turismo de Galicia. O presidente, Alfredo Llano, subliña que o que se pretende é atraer a un número importante de visitantes neste 2018 á comarca mariñá.
Llano considera que “Fitur é un escaparate extraordinario onde se pode conseguir coñecer diferentes eventos e turoperadores que nos poden favorecer no futuro para que A Mariña sexa un atractivo turístico de calidade e con expectativas e perspectivas de futuro. Vamos procurar estar en todos aqueles actos que sexan bos para A Mariña e para Galicia”.
O presidente da Mancomunidade contou que “a nosa presentación vai ser o xoves ás cinco da tarde e vamos intentar informar a todo o mundo que estea alí das vantaxes que ten vir pasar uns días á Mariña de visita, de turismo cultural, etnográfico e doutros moitos aspectos polos cales poden vir aquí. Vamos tratar de expoñelos dunha forma resumida porque temos moi pouco tempo para facer unha exposición, son uns 20 minutos, pero informaremos do máximo que poidamos e despois teremos alí vídeos, folletos e a información que se poida precisar para vender a Mariña Lucense”.
Para Alfredo Llano “o interesante será falar con turoperadores e con profesionais, tratar de vincular a Mariña aos obxectivos turísticos que se ofertan agora mesmo en toda España e de carácter internacional tamén, ademais de presumir un pouco do que temos: da Semana Santa, dos monumentos, das praias, da gastronomía… Queremos que se vexa con claridade que temos cousas moi interesantes aquí e tamén vamos tratar de debuxar un esquema no cal se aprecie que o que procuramos é que sexa un turismo sostible, fluído, para todo o ano e non exclusivamente para dous meses no verán; o que queremos é que todo ano sexa interesante para vir visitarnos aquí, á nosa comarca”.
E engadiu: “procuraremos facer un labor, dentro do noso nivel, interesante para que a Mariña sexa coñecida, recoñecida e elixida por moita xente para visitarnos neste ano 2018”.