Burela, 25 de xaneiro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo hoxe unha reunión en Santiago cos técnicos de Augas de Galicia que están a redactar o proxecto da nova Edar. O rexedor espera que poida estar listo antes do verán e que a nova instalación, que estará situada no porto, sexa unha realidade no 2020. A Edar suporá un investimento de 9 millóns de euros.
O rexedor burelés declarou que “se está traballando e mirando a ubicación, vai ser unha obra complexa, unha nova estación de tratamento de augas residuais en 3.500 metros, que é o que temos agora mesmo no porto”.
Alfredo Llano engadiu que “hai que buscar unha serie de solucións que sexan axeitadas e boas para aproveitar ese espazo, e tamén aproveitar as novas tecnoloxías que hai agora de tratamento que son simples, e que nos van dar a vantaxe de ter pouco mantemento, que van ser fáciles de instalar, son robustas e teñen que ser eficaces, porque está dimensionada esta nova Edar para dar servizo a uns 20.000 habitantes”.
O alcalde manifestou que “estivemos vendo como está o tema agora mesmo, consideran que poden rematar o proxecto antes do verán. Antes temos que ter unha separata dese proxecto para ir informando a Portos e a Costas, aínda que xa o estamos facendo constantemente. Desde o Concello estamos dicindo como van os traballos e como repercuten despois para conseguir os permisos. Polo tanto unha vez rematada esa separata, vaise presentar xa tanto a Portos como a Costas para que nos vaian dando os permisos pertinentes para ver se no ano 2020 estivera rematada”.
Para o rexedor burelés “non sería mala cousa que estivera rematada para esa data. Si se fai o proxecto antes do verán unha das nosas preocupacións será ver si se pode licitar a obra despois do verán, que sería extraordinario”.
Llano asegurou que “a intención desde Augas de Galicia é rematala para o ano 2020. Están traballando no proxecto e están informando ben. Hai que ter en conta que agora derivan ás novas tecnoloxías as instalacións que se van conformar nese espazo tan pequeno de 3.500 metros. Hai que utilizar a verticalidade na disposición das instalacións e parece, segundo calculan que podería ocupar unha altura duns 10 metros, porque teñen que aproveitar a verticalidade para a instalación”.
O alcalde dixo: “a ver se entre todos, tanto Portos como Costas, Augas de Galicia e o Concello de Burela, imos traballando todos xuntos para que isto sexa unha realidade o antes posible”.