Mondoñedo, 25 de xaneiro do 2018. -VOLTA A ESPAÑA-
Os nacionalistas pregúntanse se o evento vai ser rendible para o concello. Preguntarán polo custe que lle vai supoñer ás arcas municipais o feito de acoller a saída da etapa 12 da “Vuelta a España 2018” e se o concello ten feita algunha estimación dos ingresos que se poden xerar na cidade con motivo da proba ciclista.
-O BNG PREOCÚPANSE POLA SEGURIDADE DOS ACCESOS AO PARQUE BIOSAUDABLE SITUADO NUN DOS LATERAIS DO CEMITERIO VELLO-
Piden que se garanta a seguridade dos peóns que pasean pola zona xa que as baldosas están moi esvaradías e a varanda da rampla que comunica a parte alta do cemiterio e o parque encóntrase solta por culpa da corrosión producida polo paso do tempo.
Ao voceiro nacionalista, Eloi Cabanas, resúltalle sorprendente que case dúas semanas despois de producirse un accidente que provocou lesións graves a unha persoa que asistía ao acto de homenaxe a tres represariados da Guerra Civil o concello non foi capaz de tomar ningunha medida para sinalizar ou cortar o paso na zona, mentres non se corrixe a situación, e cualifica ao goberno municipal de “temerario e irresponsable” por ter o acceso nesas condicións.
-EXCREMENTOS DE CANS NAS RÚAS DA CIDADE-
O BNG trasladará no pleno o malestar que xera a veciños e veciñas a presenza de excrementos de cans na vía pública e que afecta a moitos puntos da cidade.
Piden máis vixilancia policial así como unha campaña de concienciación dirixida aos propietarios dos cans para que recollan os excrementos do chan.
Para o BNG a limpeza da cidade non é o punto forte do goberno de Elena Candia.
“O concello foi incluído na Rede de “Pueblos bonitos de España” pero no que se refire á limpeza o premio vasoira de prata, ouro ou platino, que destaca a concellos pola súa limpeza urbana, vai ser imposible, ironizan”.
-MELLORAS NO ALUMEADO PÚBLICO-
O BNG tamén propón melloras no alumeado público no treito que vai desde a Residencia de Anciáns e o Centro de Día ata o aparcadoiro que hai na travesía xa que a pouca iluminación da zona dificulta a visibilidade e provoca inseguridade nos viandantes.
“Polas tardes non se pode aparcar na alameda e moitos usuarios, acompañantes e traballadores do Centro de Día, o PAC ou do Hospital de San Pablo que deixan o coche estacionado no aparcadoiro na travesía protestan pola mala iluminación pública que presenta o tramo”.