Mondoñedo,29 de xaneiro do 2018. O Grupo Municipal do BNG no concello de Mondoñedo votou en contra, no pleno celebrado o pasado venres, da proposta do goberno municipal de Elena Candia para a aceptación da cesión gratuíta dos terreos sitos en San Lázaro para a execución das obras de urbanización a cargo do Plan Único.
O GRUPO DO BNG NO CONCELLO DE MONDOÑEDO MANIFESTA:
1. A falta dun informe xurídico que nos contradiga e que debería ir incluído no expediente canda a documentación do pleno que se nos entregou, entendemos que o que debe urbanizar estes terreos privados segundo a Lei do Solo de Galicia é o propietario do inmoble e non o concello.
2. Para o BNG as obras non atenden a un interese xeral se non que a un interese privado e particular xa que as obras de urbanización cínguense só ao perímetro da parcela propiedade de Hipólito, S.L.
3. A intervención na beirarrúa LU-160 ao paso polo centro de San Lázaro para crear beirarrúas máis amplas non nos parece unha obra prioritaria. No concello hai beirarrúas en moito peor estado e con máis necesidade de ser arranxadas que esta.
4. O goberno municipal di que quere mellorar o entorno porque os terreos que se ceden presentan un estado de degradación e abandono importante. A nós tampouco nos vale esta xustificación porque a responsabilidade de manter en boas condicións a parcela por razóns de ornato público é o propietario dos terreos e non o concello.
Por todas estas razóns e máis porque non estamos de acordo en que se invista diñeiro público en intereses privados, os concelleiros do Grupo Municipal do BNG votamos en contra da cesión gratuíta destes terreos.