Cervo, 18 de febreiro de 2018.- O Concello de Cervo vén de incrementar as dotacións do Complexo Deportivo da Veiga, que comprende o Pavillón municipal, o campo de fútbol e dúas pistas de pádel, cun desfibrilador semiatomático.
O rexedor, Alfonso Villares, acompañado polo responsalbe do G.E.S de Cervo, Mario Antuña, recolleu o novo dispositivo da man do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Villares sinalou que “aínda que sabemos que a súa implantación non é obrigatoria, consideramos e valoramos que sempre resulta positivo dispoñer dun aparello fixo nunha instalación deportiva como esta, na que se desenvolven a diario múltiples actividades deportivas; polo que se ve reforzada a seguridade”.
Este desfibrilador –engadiu- “súmase así a outros tres que temos no municipio, dous que van incorporados nos vehículos de emerxencias municipais, preparados para atender no menor tempo posible calquera emerxencia cardíaca que se poida presentar; e un terceiro que está ubicado na piscina municipal de Lieiro; que foi cedido pola Fundación Alcoa”.
O persoal municipal das instalacións deportivas está en posesión da formación requirida nesta materia pola Comunidade Autónoma de Galicia.