A cociñeira italiana María Santoro visitou Ribadeo e Castropol e participou nunhas xornadas de formación para profesores de hostalería da provincia no IES de Foz
Foz, 8 de marzo de 2018. A cociñeira italiana María Antonietta Santoro visitou hoxe, xoves, Ribadeo e Castropol e participou nunhas xornadas de formación, dedicadas á cociña da rexión de Basilicata, para profesores de Hostalería da provincia de Lugo no IES de Foz.
María Santoro visitou esta mañá a finca de agricultura ecolóxica As Fadegas, na localidade ribadense de As Anzas; o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e a praia das Catedrais. Despois estivo vendo un cultivo de ostras da empresa Acueo en Castropol. Pola tarde participou nunhas xornadas de formación, sobre a cociña da rexión italiana de Basilicata, para profesores de Hostalería da provincia de Lugo, que se desenvolve no IES de Foz.
Mañá, vernes, a prestixiosa cociñeira italiana participará pola mañá nunhas xornadas de cociña de pescado que se levan a cabo no instituto focense ao longo de todo o curso, en colaboración coa Consellería do Mar, e ademais visitará a vila de Foz e San Martiño. Pola tarde continuarán as xornadas de formación para o profesorado sobre a cociña de Basilicata.