Ribadeo, 31 de marzo de 2018.- O voceiro do Partido Socialista de Ribadeo, César Fernández Murias, denunciou a falta de información por parte do Concello sobre a situación de perigosidade no acceso á praia das catedrais durante os pasados días, na que había un desnivel duns 50 centímetros, e que produciu caídas de persoas que resultaron feridas ao intentar baixar ao areal
Fernández Murias criticou que “o Concello non sinalizase a existencia dun escalón de máis de 50 centímetros na baixada ao areal, convertendo ao acceso nun punto de alta perigosidade, sobre todo para os máis maiores. A pesares de que os arcos da praia das catedrais non se podían ver, o Concello non informou sobre esta situación. Se houbese paneis nos que se dese conta sobre a non visibilidade dos arcos, evitaríase a baixada ata a praia de centos de turistas e, polo tanto, desta zona de desnivel que produciu unha clara situación de inseguridade”, apuntou Fernández Murias.
Fernández Murias avanzou que ademais de buscar unha solución para resolver esta situación, que prexudica aos visitantes que se achegan a Ribadeo a desfrutar dunha das mellores praias do mundo, o Concello debería dar unha resposta efectiva aos problemas de aparcamento desta zona.
“Con tan só 1.800 pases dados, a situación de caos no acceso á praia e ao aparcamento foi máis que evidente. É por iso polo que dende o PSOE de Ribadeo solicitamos ao Concello que ofreza máis información e poña á disposición dos visitantes facilidades cando se produzan este tipo de situacións, que prexudican a imaxe do noso municipio”.