Nestes tempos revoltos estamos tan afeitos á mentira que a nova de que un representante público falsee o seu curriculum, engane ou obteña algún tipo de prebenda da súa condición non é tal, senón unha realidade cotián. A todo se acostuma un, e tales novas non son máis que vellas costumes.
Por iso mesmo, en ocasións, cando nos quedamos coa anécdota ou o chascarrillo perdemos a perspectiva do importante.
Esta reflexión podería trasladarse aos sucesos dos nosos días: enredados coa historia de Cifuentes, no enésimo fito, de fraude político, esquecémonos do tal Falciani. E miren que o tema do señor este daba para unha discusión xurídica importante.
O nome do señoriño xa é de dominio público, o tal Hervé Falciani non era máis que un simple enxeñeiro de sistemas italo-francés que traballaba na filial suíza do banco HSBC e que, valéndose da súa condición, fixera pública unha lista de 130.000 evasores fiscais que podían ter o seu diñeiro no país helvético. A lista Falciani.
A relación de defraudadores publicada polo noso protagonista tivo importantes consecuencia, entre outras, na Facenda Española, que no ano 2010 recuperou 260 millóns de euros de nomes como a familia Botín ou Rafael Correa.
A consecuencia natural da revelación do segredo bancario foi que o noso amigo comezaría un periplo de des-encontros coa fiscalía e o sistema xudicial suízo que rematarían por traelo a España, sendo detido no 2012 e posto en liberdade posteriormente.
Hervé Falciani estableceuse en Madrid onde, despois dos convulsos episodios previos, podía pasear con tranquilidade polas súas rúas.
O porfiamento e a obstinación da xustiza suíza levou a que o benquerido “garganta profunda” fora detido no día de onte para proceder á súa extradición ante as súas autoridades.
Relatados os feitos a discusión agora debe de acoutarse ao respecto da figura da extradición e do dereito internacional. É imprescindible lembrar que a extradición é o proceso xudicial polo cal unha persoa acusada dun delito conforme á lei dun estado, é detida noutro, e posta a disposición do primeiro para ser xulgada.
Non debemos perder de vista que no ano 2013 a Audiencia Nacional española denegou a extradición de Falciani por entender que en España non existía o segredo financeiro como figura legal.
O paradoxo actual radica en que no ano 2018 a mesma xustiza cambia de criterio e decide mandar ao noso protagonista a render contas ante as autoridades do país centroeuropeo.
A síntese do exposto radica na importancia de crear un verdadeiro vínculo de cooperación xudicial internacional, e establecer algún tipo de criterio con respecto a este; caso contrario atoparémonos esperpentos como o de Falciani, mentres con carácter xeral se exclúen as extradicións entre estados por causas políticas –só hai que lembrarse da negativa británica con respecto a Pinochet por delitos de lesa humanidade- simultaneamente danse facilidades procesuais para que os estados fagan as súas particulares cazas de bruxas. Hervé Falciani veu a contarnos que non é ouro todo o que reluce, que a opacidade é o caldo de cultivo para o engano e a estafa.
