O estudo da capacidade de acollida do Monumento Natural de As Catedrais, contido no Anexo III do Decreto 80/2015 de 11 de xuñpo polo que se amproba o seu Plan de Conservación, é a base que sustenta a limitación do acceso á praia en 4.812 persoas/día. O estudo baséase na proposta de Cifuentes (1992) para espazos protexidos de Latinoamérica, modificada por Gómez-Limón García, J. y García Ventura, D. (2014) para adaptala ás singularidades de diferentes parques nacionais do territorio español. Trata de establecer un límite ó número de persoas que pode visitar un espazo sen prexudicar de xeito significativo o mesmo e mantendo unha experiencia turística de calidade.
O método diferencia a capacidade de acollida física (CAF) que ven a indicar a xente que colle físicamente no espazo da capacidade de acollida ecolóxica (CAE) que serve para reducir esa cantidade en función do impacto no ecosistema. Para definir o espazo que precisa cada persoa valóranse 3 posibilidades: un criterio de uso intensivo (5 m2/visitante), medio (10 m2/visitante) ou baixo (25 m2/visitante). Un espazo protexido de pequena dimensión e un enorme atractivo natural debera optarse polo estándar máis baixo, porén, o estudo opta, sen máis xustificación, por un criterio de uso medio. Obtemos dese xeito un dato de partida de 5.000 persoas na praia e 700 fóra dela, un total de 5.700 persoas simultáneamente no Monumento Natural.
A continuación o estudo calcula cantas quendas de visita poden realizarse cada día, obtendo un resultado de 2,66 quendas na praia e 8 quendas na zona superior. Multiplicando as visitantes en cada quenda polo número de quendas se obtén unha capacidade de acollida física de 19.420 visitantes diarios (13.300 na praia e 6.120 fóra dela).
A continuación estímase a Capacidade de Acollida Ecolóxica, que tenta de determinar o número máximo de persoas por encima do cal comezan a aparecer impactos críticos e/o irreversibles ca dinámica natural dos ecosistemas non pode restaurar, tendo en conta aspectos como a resiliencia dos sistemas afectados ou limiar de cambio aceptable.
Estímase multiplicando a capacidade física antes calculada por unha serie de coeficientes redutores
-factores de correción- que consideran, segundo o estudo, variables físicas, ambientais, biolóxicas e
de manexo. Os factores empregados para identificar aqueles impactos críticos que poidan supoñer
restriccións totais ou parciais do uso público, así como plantexar medidas correctoras naqueles casos nos que os impactos sexan moderados e/ou reversibles.
Os factores descritos no estudo son a vulnerabilidade fronte á erosión (reducido a clasificar a superficie en función da pendente), o efecto das mareas limitando o espazo dispoñible, os días de
precipitación que reducen as visitas á praia, a porcentaxe de superficie visitable fronte á total do
monumento e un misterioso factor “de impactos derivados do comportamento das persoas visitantes” que se obtén dividindo o “número de días sen limitacións pola escasa afluencia” polo total de días do ano (ou sexa, que se o acceso se controlara todo o ano este coeficiente valería “0”, e al multiplicalo polas cifras arriba expostas daría un máximo diario de “0” visitantes ás Catedrais).
Sinalar que ningún coeficiente limitante fai referencia ós ecosistemas, á vexetación ou a fauna.
Calculados os coeficientes, a capacidade de acollida final estímase multiplicando por eles a capacidade de acollida física antes mencionada. O resultado desa operación é 2.792 visitantes/día para a praia e 2.020 visitantes/día para a zona superior (aparcadoiro, restaurante, merendeiro, sendeiros). A suma desas cantidades dá o “famoso” total de 4.812 persoas diarias.
O máis rechamante é caer na conta que mentres este modelo, empregado pola Consellería e publicado como anexo no Decreto 80/2015, establece 2.792 visitas diarias para a praia e outras 2.020 ó resto do espazo protexido, a Xunta está a empregar como límite para o acceso ó areal a suma de ambas cantidades, e non ten implementada 3 anos despois limitación alguna de acceso con respecto da zona superior, sen dúbida a máis vulnerable ambientalmente.
Comentar tamén que en coherencia co caracter protector da figura do Monumento Natural sería máis razoable optar polo “criterio de ocupación baixo”, co que os valores de Capacidade de Acollida Ecolóxica serían 1436 visitantes/día na praia e 800 visitantes/día na zona superior do Monumento Natural.
Porén, a conclusión máis evidente deste somero análise é que o modelo empregado non se basea en consideración ecolóxica algunha e non se pode considerar máis ca un axuste arbitrario da capacidade de acollida física que nin analiza a degradación actual dos ecosistemas, nin a súa resiliencia, nin aplica factores ou parámetros obtidos de estudos sobre impactos do recreo na vexetación ou na fauna doutras contornas similares ás Catedrais