Burela, 2 de maio de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, poñerase en contacto co embaixador de Cabo Verde en España, Manuel Ney Monteiro, para insistirlle na necesidade de abrir unha oficina, unha extensión, deste departamento ou do Consulado de Cabo Verde en Burela que atenda os trámites da poboación dese país asentada na localidade desde hai moitos anos. Llano comprometeuse na xuntanza celebrada o sábado entre asociacións de Burela e Bembibre a realizar esta xestión.
O rexedor lembrou que “o sábado pasado estivemos aquí reunidos con xente que procedeu de Bembibre, o señor Pinto que forma parte dunha asociación que tramita e leva temas administrativos dos caboverdianos que viven alí, e tamén veu informar aquí a Burela de como pode facer a xente de aquí para solicitar e axilizar cuestións como o tema dos pasaportes”.
Alfredo Llano dixo que “me solicitaron que fixera algún trámite co embaixador de Cabo Verde, Manuel Ney Monteiro, que está en Madrid, e así quedei. Vou chamalo para insistirlle nesta necesidade e para propoñerlle que unha vez ao mes, ou cada mes e medio, puideran vir desde Madrid a Burela para facerse cargo do que significa o trámite dos pasaportes como mínimo”.
O alcalde de Burela manifestou que “o Concello facilitará un local onde poidan reunirse, tramitar e todo aquilo que sexa útil para que poidan levar adiante esta demanda que ten moita xente de Cabo Verde, e que necesitan facelo temporalmente de vez en cando. Imos facer esta xestión e agardo que en pouco tempo teremos algunha resposta”.
Alfredo Llano xa falara deste asunto con Manuel Ney Monteiro na visita que cursou a Burela o embaixador de Cabo Verde en España o pasado mes de novembro.
