Pódese enganar a todo o mundo algún tempo. Pódese enganar a algúns todo o tempo. Pero non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo. No relato da Residencia de Foz cúmprese novamente esta frase. Recentemente unhas declaracións dalgún membro da corporación, trata de estrangular a verdade e enganar, pode que a algúns, mais non a todos nin todo o tempo. Cómpre contar o verdadeiro relato deste intento de manipulación.
O Pleno do Concello de Foz de maio do 2009, aprobou por unanimidade (PSOE, BNG e PP), unha moción instando á Xunta de Galiza para dotar a Foz dunha Residencia e dun Centro de Día con capacidade para máis de 100 persoas e para que a súa construción non se demorara máis aló do 2013. Recalcamos que se solicitou á Xunta de Galiza, non á Deputación de Lugo.
O PP da Xunta atrasou a obra de xeito inmoral, mesmo na sesión da comisión 5º do parlamento de Galiza (Comisión de Traballo e de Benestar Social) en decembro de 2010, votando en dúas ocasións contra a construción do Centro de Día e da Residencia en Foz tal como se solicitaba en dúas emendas, unha presentada polo BNG. A residencia foi finalmente construída e entregada con desvergonza para aproveitarse naquela miserenta campaña electoral do PP de Foz, que baseou en que un candidato doutro partido asinara a solicitude de afiliación ao PP; xa se viu: alta política. Entregouse máis de dous anos tarde e ben máis cativa ca o aprobado en pleno, marca PP. E durante o actual mandato, dentro das numerosísimas mostras de incompetencia do equipo de goberno do PP, leva dous anos rematada, dotada e o PP local non foi quen de elaborar un plan económico financeiro, requisito indispensable para poder abrila, polo que teremos que lamentar novos retrasos na súa apertura.
O BNG sempre quixo e defendeu que a xestión deste servizo fose pública e non renunciamos a isto, mais a residencia é da Xunta de Galiza, non da Deputación nin do Concello. E lamentablemente, no modelo PP de xestión neoliberal, a Consellería de Benestar permite aberracións como que unha aparente xestión directa supostamente pública pola Xunta, remate nunha subcontratación privada que despediría automáticamente aos traballadores actuais do asilo e, peor aínda, que remataría botando, si, botando aos residentes á rúa. Si, a moitos grandes dependentes e con graves discapacidades, tutelados mesmo pola Funga diante da ausencia de familias que os representen, a estes tamén os expulsarían. Tamén estes son veciños de Foz, certo que non se lles pode enganar nin “vender a moto” porque moitos non teñen dereito ao voto pola súa grave discapacidade e probablemente nin a Xunta do PP nin algún membro da corporación de Foz lamentarían que foran expulsados de Foz e estrados polo país como cascallos inservibles. Poden non ser valiosos pra eles, mais si importan ao BNG, cuestión de prioridades.
O modelo de xestión temporal proposto actualmente é imperfecto mais tamén transitorio. Pero por riba de todo, evitaría semellante aberración que atenta contra os dereitos dos traballadores (si, é legal mesmo ao igual que a reforma laboral despiadada do PP) e contra a dignidade dos máis vulnerables como os severos discapacitados que alberga actualmente o asilo, como a falta de financiamento da lei de dependencia que fai que o PP aforre a base de agardar inmoralmente a que finen os dependentes sen cobrar a axuda. As tarifas son as do DOG, as que fai estándar o PP para os centros da súa responsabilidade, con ou sen a proposta de xestión actual.
A vontade política e a política local significa facer posible as melloras para os cidadáns que permitan as circunstancias e tratar de impedir inxustizas e atentados inaceptables, traballando nos intereses dos veciños de Foz, de todos. A demagoxia vende moito, acada algún voto, mais non dura sempre. O PP amosa unha crueldade infinita nas súas regulacións legais, un cálculo frío en función de movementos electorais e que mesmo fai aparecer cartos para as pensións un mes despois de dicir que era imposible, e algún membro da corporación amosa unha irresponsabilidade sen límites agochando as consecuencias deleznables das súas impostadas defensas dunha xestión falsamente pública e delirando con insinuacións fóra de toda realidade. Este é o verdadeiro relato do centro sociosanitario de Foz. Vale máis ser vencido contando a verdade e defendendo os dereitos dos veciños de Foz, tamén dos máis vulnerables, que triunfar coa manipulación e a mentira.


















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



