Ribadeo, 25 de xuño de 2018. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia fai un balance moi positivo das mobilidades do proxecto Mejorando las aptitudes y competencias claves en la FP que remataron hai uns días e nas que participaron un nutrido grupo de mestres.
Este sábado unha trintena de profesores asistiron nas instalacións do hotel O Cabazo á reunión final das mobilidades, onde cara grupo fixo entrega dos materiais elaborados e relacionados co seu proxecto. O obxectivo, segundo Álvaro Doural, “foi realizar unha posta en común de todo o vivido e aprendido nas saídas formativas que tiveron lugar nos últimos meses”.
Na quenda de intervención Beatriz Fernández do IES García Barbón, de Verín, comentou que durante a súa estadía en Zagreb (Croacia) visitaron diferentes centros educativos e empresas así como a feira da FP. Pola súa banda, Carlos Alberca Piñeiro, tamén do IES García Barbón, de Verín, referiuse á mobilidade de Finlandia e subliñou que nese país os alumnos e alumnas que traballan para o exterior cobran un 20% menos na man da obra.
A especialidade de Loxística, que non hai en España, foi outras das novidades que atoparon nestas saídas formativas nalgúns países.
Nas conclusións realizadas por Apaga recóllese a necesidade de continuar con estas mobilidades, debido aos resultados acadados, “sendo un elemento clave na formación do profesorado”, que neste curso viaxou a países como Letonia, Turquía, Chequia, Eslovaquia, Portugal, Romanía, Italia, Lituania, Croacia, Finlandia e Dinamarca. Tamén se acordou crear un grupo de traballo para a elaboración de proxectos, que estará composto polo menos por tres persoas.
